Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ADXUDICOU O CERRAMENTO DAS PISTAS DE PÁDEL EXTERIORES PARA POSIBILITAR O SEU USO TODO O ANO

O Concello de Cedeira adxudicou por 59.773,62€ (IVE incluído) as obras de cerramento das pistas de pádel. A unión temporal de empresas formada por Meraki CR e Carpintería Metálica Ferreiro será a encargada de realizar esta actuacion, que segundo destacou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, vai redundar nun maior aproveitamento das instalacións. “Temos catro pistas municipais, despois de facer dúas máis no anterior mandato, pero a realidade é que o insuficiente peche de dúas delas desbota a posibilidade de xogar cando vai vento ou choiva”, explicou o alcalde, quen destacou que as obras van ampliar a dispoñibilidade de instalacións e con elo o número de personas usuarias.

As pistas de pádel municipais funcionan actualmente de xeito ininterrompido de luns a domingo, entre as nove da mañá e as dez e media da noite. Hai 83 persoas apuntadas a esta práctica a través das escolas deportivas do Concello, ás que se suman outras 60, de media, que van de xeito individual a xogar cada semana e os máis de 92 socios e socias do Club de Pádel local, a través do cal tamén son moitas as persoas que se afeccionan a esta práctica.

A actuación nas pistas de pádel é unha das obras que o Concello vai executar con cargo ao máis de medio millón de euros que se incorporou ao presuposto municipal deste ano procedente do remanente do exercicio pasado. Deses fondos, preto de 157.000 euros van destinados á realización de diferentes melloras nas instalacións deportivas municipais.

O Concello de Cedeira conta con catro pistas de pádel, despois de que no anterior mandato se adecuaran dúas novas. A actuación que se vai acometer agora mellorará o abrigo destas últimas, que contan actualmente cunha cuberta de chapa e paredes de vidro templado e malla insuficientes para permitir o xogo en condicións de choiva e vento. Así, as obras van consistir en retirar as paredes e o enreixado actual e na construción de paramentos que cheguen á cuberta e pechen as pistas totalmente.