Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOVING COMPASS REPRESENTA ESTE SÁBADO EN CEDEIRA A MONTAXE DE TEATRO E MONICREQUES GAIA BABA

O Auditorio Municipal de Cedeira recibe este sábado a compañía Moving Compass, unha formación composta por xoves artistas procedentes do mundo do teatro físico, o circo, a danza, a música e as marionetas. Porá en escena a obra Gaia Baba, unha peza sen palabras e con música en vivo, que conta con monicreques a historia fantástica dun mundo devorado polos residuos. A función comezará ás 20.00 horas, con entrada gratuíta, e vai dirixida a todos os públicos.

Na obra, Moving Compass presenta un mundo frío, sen cor e cuberto de desperdicios. O lixo arrasou coa humanidade e seres sen piedade impóñense como os amos incontestables dunha terra erma. Pero queda alguén neste falmaguento mundo, unha meiga que varre sen descanso as ondas de lixo que sempre voltan. É Gaia Baba, que mantén a esperanza de que a natureza recupere os seus dereitos. A súa aventura comeza o día que, entre a sucidade, descobre aquilo que cría perdido para sempre.