Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INVISTE MÁIS DE 19.000€ NA RECUPERACIÓN DA ANTIGA FONTE DA VILA DO RÍO, EN SAN ROMÁN

O Concello de Cedeira vai investir 19.069 euros na recuperación da antiga fonte da Vila do Río, na parroquia de San Román, contando con fondos propios e tamén con 10.000 euros procedentes dunha axuda xestionada diante do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a subvención autonómica corresponde a un programa para a corrección de impactos paisaxísticos, “polo que encaixa co plan de rehabilitación de fontes e lavadoiros que levamos adiante desde hai anos en Cedeira, coa convicción do valor arquitectónico e tamén social deste tipo de elementos tan singulares”.

A empresa Kaizen Management realizará as obras de albanelería e achega de materiais, mentres que Carpintería López y Villadóniga encargarase da estrutura de madeira da cuberta. O seu traballo, contratado por un presuposto de 10.306,49 e 8.762,83€ respectivamente, consistirá a roza da zona, a demolición da actual cuberta de pizarra e do entramado de cimbros de madeira que a sustentan, así como na limpeza da estrutura de formigón e o chapado dos paramentos e o solo con pezas irregulares de pizarra. Ademais, colocaranse novas vigas de madeira de abeto e un teito de pizarra, e repararanse o sumidoiro e as tubaxes correspondentes.

A fonte da Vila do Río súmase así ás da Barca, Fernando Lago, da Area e de Vilar, que xa rehabilitou o Concello. O goberno local de Cedeira pon de relevo a importancia patrimonial destes elementos, que foron tradicionalmente lugar de encontro e relación para a veciñanza, fundamentalmente para as mulleres, e que forman parte da intrahistoria da localidade.