Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ACTIVA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

O Concello de Cedeira convoca para este xoves, día 25, ás doce do mediodía, o acto de conmemoración do Día internacional contra a violencia machista. A corporación municipal fará lectura dun manifesto institucional, como en anos anteriores, para expresar o seu compromiso coa igualdade e o seu rotundo rexeitamento á violencia de xénero.

Con motivo da conmemoración do 25-N, o Concello de Cedeira ten activado unha campaña de sensibilización sobre os comportamentos de control e violencia emocional que a miudo se producen a través das redes sociais, e que nas idades da adolescencia se están asumindo con certa normalidade. As publicacións do Concello van dirixidas a poñer exemplos deste tipo de comportamentos advertindo que “isto tamén é violencia”.

A celebración do 25-N no Concello de Cedeira ten este ano como trasfondo a recente aprobación do Plan de Igualdade, no que hai un capítulo adicado á prevención e atención integral da violencia machista. Entre outras accións propostas, o goberno local ten previsto formar a un grupo de persoas voluntarias para a atención dun “Punto Violeta” ante posibles situacións de abuso no ocio nocturno, festas e eventos.