Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LICITA OBRAS DE CONSERVACIÓN DO FIRME NA AVENIDA DE ESPAÑA E CAMIÑO DE PITILLEIRA

O Concello de Cedeira acaba de sacar a concurso, a través da súa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público, a obra de “Conservación do firme na Avenida de España e o Camiño de Pitilleira”. A actuación ten un prezo de licitación de 51.649,94€ (IVE incluído) e é o terceiro e último proxecto incluído este ano no capítulo de investimentos do programa provincial POS+21, ao que tamén se acollen as obras de adecuación do anel da Praza Roxa e as reformas nos antigos escolares de Saa e Sisalde que están actualmente en execución.

A mellora do firme na Avenida de España abranguerá o tramo comprendido entre a rúa Cerdido e o Polideportivo Municipal, mentres que no Camiño de Pitilleira a intervención afectará, por unha parte, ao treito que vai desde a Avenida de España ata a de Castelao, e por outro, ao treito que perdorre desde a Avenida de España ata Floreal.

A actuación vai dirixida a renovar o pavimento, que se atopa deteriorado, colocando unha nova capa de aglomerado asfáltico de seis centímetros de grosor. Está prevista tamén a adecuación dun paso elevado para peóns na intersección entre a Avenida de España e Pitilleira.

As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o vindeiro día 10 de decembro. O prazo de execución será de dous meses.