Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

URBANISMO

O Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) a disposición da veciñanza

O 30 de xaneiro de 2020 o pleno da corporación aprobou o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Cedeira, e logo de dito trámite sométese a información pública polo prazo de trinta días a contar desde o día seguinte ao de publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Durante este prazo poderá ser examinado por calquera interesado para que se formulen as suxestións, observacións e alegacións que se estimen pertinentes. O plan pode consultarse e descargarse premendo na seguinte imaxe (arquivo PDF):

IR Á LIGAZÓN Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS)

Aprobado o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Cedeira

Aprobado inicialmente o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Cedeira, por acordo plenario de data 30.01.2020, de conformidade co artigo 83 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, sométese a información pública polo prazo de trinta días a contar desde o día seguinte ao de publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Durante devandito prazo poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais para que se formulen as suxestións, observacións e alegacións que se estimen pertinentes. Así mesmo, estará a disposición dos interesados na sede electrónica deste Concello (dirección www.cedeira.gal).

No suposto de que non se formulen reclamacións ou suxerencias en dito período de información pública, o Plan quedará definitivamente aprobado sen necesidade dun novo acordo plenario, procedéndose á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

O Concello de Cedeira está a estrear máis de 2,6 quilómetros de novos asfaltados

O Concello de Cedeira informa da posta en servizo dos máis de 2,6 quilómetros de novos asfaltados acometidos con cargo aos Fondos Feder, participados pola administración local e Xunta de Galicia. Son as obras realizadas nos camiños públicos Piñeiro, O Campón, A Pasada e Os Edreiros, viais moi transitados e que requerían distintas intervencións segundo o estado que presentaban cada unha delas.

A limpeza de gavias, a aplicación de tratamentos semiprofundos e de capas de macádam de quince centímetros naqueles tramos que se atopaban en peores condicións son algunhas das actuacións realizadas pola empresa adxudicataria dun proxecto que supuxo un gasto superior aos 53.000 euros.

Así, no camiño de Piñeiro, cuxa lonxitude é de 360 metros e cun ancho de 3,5 metros, a obra executada deulle homoxeneidade a toda a superficie coa aplicación de tratamentos semiprofundos e rego de selado.

No caso do camiño do Campón, a actuación tamén deu lugar á utilización de regos de asfaltado e selado. A lonxitude do camiño Os Edreiros supera o medio quilómetro e o estado no que se atopaba requiriu o uso de macádam para eliminar as fochancas que se localizaban principalmente nun tramo de cen metros. A intervención que presentaba unha maior dificultade foi a que tivo lugar no camiño da Posada que, dividida en dous tramos de 450 e 600 metros, requiriu a substitución do macádam por tratamento semiprofundo, rego superficial e selado no tramo principal, e a aplicación dunha capa de saburra e os regos correspondentes no tramo máis pequeno.

O goberno municipal segue a investir no arranxo de camiños públicos por considerar que a optimización das infraestruturas garante a seguridade viaria e mellora a comunicación dentro do territorio.