Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello de Cedeira está a estrear máis de 2,6 quilómetros de novos asfaltados

O Concello de Cedeira informa da posta en servizo dos máis de 2,6 quilómetros de novos asfaltados acometidos con cargo aos Fondos Feder, participados pola administración local e Xunta de Galicia. Son as obras realizadas nos camiños públicos Piñeiro, O Campón, A Pasada e Os Edreiros, viais moi transitados e que requerían distintas intervencións segundo o estado que presentaban cada unha delas.

A limpeza de gavias, a aplicación de tratamentos semiprofundos e de capas de macádam de quince centímetros naqueles tramos que se atopaban en peores condicións son algunhas das actuacións realizadas pola empresa adxudicataria dun proxecto que supuxo un gasto superior aos 53.000 euros.

Así, no camiño de Piñeiro, cuxa lonxitude é de 360 metros e cun ancho de 3,5 metros, a obra executada deulle homoxeneidade a toda a superficie coa aplicación de tratamentos semiprofundos e rego de selado.

No caso do camiño do Campón, a actuación tamén deu lugar á utilización de regos de asfaltado e selado. A lonxitude do camiño Os Edreiros supera o medio quilómetro e o estado no que se atopaba requiriu o uso de macádam para eliminar as fochancas que se localizaban principalmente nun tramo de cen metros. A intervención que presentaba unha maior dificultade foi a que tivo lugar no camiño da Posada que, dividida en dous tramos de 450 e 600 metros, requiriu a substitución do macádam por tratamento semiprofundo, rego superficial e selado no tramo principal, e a aplicación dunha capa de saburra e os regos correspondentes no tramo máis pequeno.

O goberno municipal segue a investir no arranxo de camiños públicos por considerar que a optimización das infraestruturas garante a seguridade viaria e mellora a comunicación dentro do territorio.