Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

Ethel Vázquez destaca en Cedeira a mellora da eficiencia enerxética da depuradora

ETHEL VÁZQUEZ DESTACA EN CEDEIRA A MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DA DEPURADORA

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitou este luns unha actuación de mellora de eficiencia enerxética realizada na estación depuradora de augas residuais da localidade de Cedeira, que forma parte do proxecto ‘ Aqualitrans’, de cooperación transfronteiriza entre diversos organismos de Galicia e do norte de Portugal.

Durante a visita, a conselleira destacou que “o obxectivo destas actuacións é mellorar o funcionamento das estacións de depuración, no que respecta a a eficiencia enerxética, garantindo en todo momento o seu óptimo funcionamento e logrando un menor consumo, conseguindo ademais unha menor emisión de CO2”.

Ethel Vázquez realizou estas declaracións no recinto da propio depuradora, acompañada polo delegado da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro e do primeiro tenente de alcalde de Cedeira, Manuel Pérez Riola (PSOE).

No caso concreto da depuradora de Cedeira, foron instalados “74 módulos fotovoltaicos que se nutren do sol e que, vía web, mesmo facilitan datos do consumo enerxético, que é sustentable, xa que non conta con baterías, co obxectivo da sustentabilidade na depuración”, dixo a conselleira.

Segundo a integrante do Goberno da Xunta, este sistema “foi instalado no pasado mes de febreiro” e, desde entón, constatouse que “que o 11% da enerxía consumida foi grazas a este sistema de produción renovable, tendo como obxectivo que este consumo nun ano sexa do 15%”.

No caso de Galicia, cinco foron as depuradoras que se beneficiaron deste proxecto, o que “permitirá nun ano a redución de 110.000 kw/ h ano e unha redución dunhas 40 toneladas de CO2.

Por outra banda, Ethel Vázquez adiantou que tamén esta previsto retocar a eficiencia deste depuradora de Cedeira, “coa adxudicación dunha mellora na propia planta e na rede de colectores”. Para iso, volveu a reclamar a colaboración das deputacións, para poder dar “auxilio económico e técnico aos concellos, sobre todo aos menores de 20.000 habitantes”, sentenciou.

Fonte: Galiciapress

IR Á LIGAZÓN DA NOVA: Ethel Vázquez destaca en Cedeira a mellora da eficiencia enerxética da depuradora

Cedeira licita por máis de 67.500 euros obras de mellora en tres camiños públicos da parroquia de Piñeiros

CEDEIRA LICITA POR MÁIS DE 67.500 EUROS OBRAS DE MELLORA EN TRES CAMIÑOS PÚBLICOS DA PARROQUIA DE PIÑEIROS

O Concello de Cedeira vén de licitar obras de mellora en tres infraestruturas viarias da parroquia de Piñeiros. Trátase dos camiños municipais do Campón, A Pasada e Hedreiros.

O orzamento de licitación supera os 67.500 euros e as previsións do executivo local pasan por contratar as obras ao longo do próximo mes de setembro coa intención de que a súa realización poida levarse a cabo antes do inverno. O prazo de execución dos traballos é inferior aos dous meses.

O proxecto consiste na reparación dunhas estruturas viarias que a día de hoxe presentan distintas deficiencias. A reparación se levará a cabo mediante tratamentos asfálticos e selado en toda a superficie, así como na limpeza das gabias e na aplicación dunha capa de macadam nos tramos que se atopen en peor estado de conservación.

No seu conxunto, serán máis de 2,5 quilómetros de reformas coas que se busca mellorar a seguridade viaria de condutores e peóns e mesmo a comunicación polo territorio.

Cedeira leva o arte urbano ao peche e a parede exterior do colexio Nicolás del Río

CEDEIRA LEVA O ARTE URBANO AO PECHE E A PAREDE EXTERIOR DO COLEXIO NICOLÁS DEL RÍO

O Concello de Cedeira segue na súa loita contra o feísmo nos espazos públicos. E así, é despois de debuxar a Rosalía de Castro na fachada da biblioteca e de encher de paisaxes locais a estación de bombeo, agora vén de ilustrar o peche e a parede exterior do CEIP Nicolás del Río con motivos infantís e cunha paisaxe na que están representados tanto o mar como a montaña.

Estes dous novos traballos son obra do artista local Adrián Taracido, licenciado en Bellas Artes e autor tamén da nova imaxe que a día de hoxe ofrece a EDAR. Foron necesarios máis de dous meses de traballo durante as fins de semana para cubrir con lapis de cores e con animais da fauna autóctona un muro cuxas medidas son de 90 metros de longo por 1,60 de ancho. As dimensións da parede da antiga vivenda do conserxe ocupan un total de 30 metros cadrados, un espazo do que Taracido fixo principal protagonista a un corzo pero no que tamén se atopan unha vacaloura e un paxaro nun niño de lapis.

Fronte ao feísmo, o goberno municipal de Cedeira está a apostar por “facer dos espazos públicos museos de balde sen paredes nin teitos”. “Onde antes había un branco balorento, un recebo descascado, …, agora queremos transformalo en luz e cor”, din. O executivo local xa baralla novas intervencións de “street art” ou arte urbano para darlle continuidade a esta política rexeneradora.