Cedeira leva o arte urbano ao peche e a parede exterior do colexio Nicolás del Río
CEDEIRA LEVA O ARTE URBANO AO PECHE E A PAREDE EXTERIOR DO COLEXIO NICOLÁS DEL RÍO
O Concello de Cedeira segue na súa loita contra o feísmo nos espazos públicos. E así, é despois de debuxar a Rosalía de Castro na fachada da biblioteca e de encher de paisaxes locais a estación de bombeo, agora vén de ilustrar o peche e a parede exterior do CEIP Nicolás del Río con motivos infantís e cunha paisaxe na que están representados tanto o mar como a montaña.
Estes dous novos traballos son obra do artista local Adrián Taracido, licenciado en Bellas Artes e autor tamén da nova imaxe que a día de hoxe ofrece a EDAR. Foron necesarios máis de dous meses de traballo durante as fins de semana para cubrir con lapis de cores e con animais da fauna autóctona un muro cuxas medidas son de 90 metros de longo por 1,60 de ancho. As dimensións da parede da antiga vivenda do conserxe ocupan un total de 30 metros cadrados, un espazo do que Taracido fixo principal protagonista a un corzo pero no que tamén se atopan unha vacaloura e un paxaro nun niño de lapis.
Fronte ao feísmo, o goberno municipal de Cedeira está a apostar por “facer dos espazos públicos museos de balde sen paredes nin teitos”. “Onde antes había un branco balorento, un recebo descascado, …, agora queremos transformalo en luz e cor”, din. O executivo local xa baralla novas intervencións de “street art” ou arte urbano para darlle continuidade a esta política rexeneradora.