As Festas da Patroa marcan o tempo a nivel local
AS FESTAS DA PATROA MARCAN O TEMPO A NIVEL LOCAL
As Festas da Patroa son como o ano novo noutras culturas”. Así o consideran as dúas persoas que estes días ultiman os preparativos dunhas celebracións que transformarán o día a día da vila. Trátase das concelleiras de Turismo e Participación Cidadá, Carmela Prieto Cal, e de Cultura, Educación e Patrimonio, Ermitas García Ríos, que, aínda que son novas en política, saben perfectamente o que as festas de agosto representan para a veciñanza. “Son datas que marcan o tempo a nivel local.
Para as familias cedeirenses hai un sentir común dun antes o un despois destas festas, que facilitan o reencontro de familiares e amigos e gardan un especial significado para a xente da mar”. Esta transcendencia convértese así na vara de medir á hora de valorar o éxito ou fracaso da programación. “As festas calíbranse en función da felicidade que esperas ter”, polo que o goberno municipal vén realizando un verdadeiro esforzo para que as que agora comezan cumpran as expectativas e sirvan así mesmo para dar resposta a novas necesidades.
Nesta dirección vai a decisión adoptada polo executivo de aplicar un horario inclusivo -de seis a oito da tarde- coa fin de que as persoas con sensibilidade acústica tamén poidan desfrutar das citas festivas. A súa organización recae no goberno municipal, que vén atopando no movemento asociativo o seu mellor aliado para facer un bo traballo. Esta simbiose volverá a poñerse de manifesto con motivo da lectura do pregón que, este ano, correrá a cargo da Asociación de Amas de Casa.
O acto será o venres e marcará o inicio dun programa de nove días de duración, do que cabe destacar as moitas e variadas actividades, o concertó de Borja Quiza, as verbenas protagonizadas polas orquestras París de Noia e Olympus e a noite na que a música terá acento local coa participación de Os Eternos e Os Benignos, entre outros. A estes atractivos cabe engadir o potencial gastronómico de Cedeira, así como o bo ambiente que se respira durante as festas e as posibilidades de ocio á marxe do calendario propiamente festivo.
E para que todos estes plans se cumpran, desde o executivo local tamén se pide a colaboración de vecinos e visitantes para manter as rúas limpas, evitar desprazamentos innecesarios e gozar en igualdade. As concelleiras, que invitan aos veciños da comarca en xeral a sumarse ás celebracións, tamén queren agradecer ao anterior goberno o traballo que deixou adiantado e que contribuirá a que as festas 2019 “sexan as mellores”.