Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira licita por máis de 67.500 euros obras de mellora en tres camiños públicos da parroquia de Piñeiros

CEDEIRA LICITA POR MÁIS DE 67.500 EUROS OBRAS DE MELLORA EN TRES CAMIÑOS PÚBLICOS DA PARROQUIA DE PIÑEIROS

O Concello de Cedeira vén de licitar obras de mellora en tres infraestruturas viarias da parroquia de Piñeiros. Trátase dos camiños municipais do Campón, A Pasada e Hedreiros.

O orzamento de licitación supera os 67.500 euros e as previsións do executivo local pasan por contratar as obras ao longo do próximo mes de setembro coa intención de que a súa realización poida levarse a cabo antes do inverno. O prazo de execución dos traballos é inferior aos dous meses.

O proxecto consiste na reparación dunhas estruturas viarias que a día de hoxe presentan distintas deficiencias. A reparación se levará a cabo mediante tratamentos asfálticos e selado en toda a superficie, así como na limpeza das gabias e na aplicación dunha capa de macadam nos tramos que se atopen en peor estado de conservación.

No seu conxunto, serán máis de 2,5 quilómetros de reformas coas que se busca mellorar a seguridade viaria de condutores e peóns e mesmo a comunicación polo territorio.