Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Máis de 20 parellas xa están inscritas para casar esta fin de semana na festa de Lugnasad de Cedeira

MÁIS DE 20 PARELLAS XA ESTÁN INSCRITAS PARA CASAR ESTA FIN DE SEMANA NA FESTA DE LUGNASAD DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira colabora na celebración da Festa de Lugnasad que este ano chega a súa décimo primeira edición e que encherá de actividades a vila durante a próxima fin de semana.

Trátase dun festexo vinculado á cultura castrexa no que se elixe á persoa, sexa home o muller, coa que se quere pasar os meses de inverno. A vixencia da unión é dun ano, aínda que tampouco existe data de prescrición.

Ata o día de hoxe xa están apuntadas máis de vinte parellas, na súa maioría galegas pero tamén do Reino Unido, Portugal e León, entre outros lugares de procedencia. A inscrición, que é gratuíta, pode levarse a cabo a través da oficina de turismo (Tlf: 981 482 187) ou no teléfono 608 292 186. É condición indispensable que os noivos veñan vestidos de época.

O programa dará comezo o venres, día 30 de agosto, co anuncio da festa, que correrá a cargo dunha parella e que arrancará pasadas as nove da tarde. Despois, a partir das 23.00 horas, celebrarase a Noite dos Druídas, que dará lugar a un encontro de druídas de diferentes clans e que rematará coa tradicional queimada. A actuación do grupo Farrapos da Ghaita porá punto final á primeira xornada do Lugnasad 2019.

Coa celebración do desfile das parellas desde o entorno da praia da Madalena ata a praza Roxa darán comezo os actos previstos para o sábado día 31. A presentación dos noivos producirase pasadas as doce do mediodía, e pola tarde, a partir das cinco, haberá xogos para que os nenos e nenas tamén participen da festa.

As cerimonias de casamento terán como escenario o litoral marítimo, serán oficiadas por Manuel Aneiros -promotor da festa- e arrancarán pasadas as 23.30 horas. A continuación, haberá unha cea de época para festexar as unións e un concerto, que estará a cargo do grupo Airoa.

Á marxe da administración local tamén colaboran deste programa a Asociación Amigos do Lugnasad, a Sociedade de Caza e Pesca Cedeira-Cerdido, a agrupación de voluntarios de Protección Civil, a Escola de Música “Vila de Cedeira”, o ximnasio Area Gym, Gadis, así como empresarios, comerciantes, artesáns e veciños da vila.