Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O Concello de Cedeira está a estrear máis de 2,6 quilómetros de novos asfaltados

O Concello de Cedeira informa da posta en servizo dos máis de 2,6 quilómetros de novos asfaltados acometidos con cargo aos Fondos Feder, participados pola administración local e Xunta de Galicia. Son as obras realizadas nos camiños públicos Piñeiro, O Campón, A Pasada e Os Edreiros, viais moi transitados e que requerían distintas intervencións segundo o estado que presentaban cada unha delas.

A limpeza de gavias, a aplicación de tratamentos semiprofundos e de capas de macádam de quince centímetros naqueles tramos que se atopaban en peores condicións son algunhas das actuacións realizadas pola empresa adxudicataria dun proxecto que supuxo un gasto superior aos 53.000 euros.

Así, no camiño de Piñeiro, cuxa lonxitude é de 360 metros e cun ancho de 3,5 metros, a obra executada deulle homoxeneidade a toda a superficie coa aplicación de tratamentos semiprofundos e rego de selado.

No caso do camiño do Campón, a actuación tamén deu lugar á utilización de regos de asfaltado e selado. A lonxitude do camiño Os Edreiros supera o medio quilómetro e o estado no que se atopaba requiriu o uso de macádam para eliminar as fochancas que se localizaban principalmente nun tramo de cen metros. A intervención que presentaba unha maior dificultade foi a que tivo lugar no camiño da Posada que, dividida en dous tramos de 450 e 600 metros, requiriu a substitución do macádam por tratamento semiprofundo, rego superficial e selado no tramo principal, e a aplicación dunha capa de saburra e os regos correspondentes no tramo máis pequeno.

O goberno municipal segue a investir no arranxo de camiños públicos por considerar que a optimización das infraestruturas garante a seguridade viaria e mellora a comunicación dentro do territorio.

Comeza a funcionar o elevador de escaleiras no Polideportivo de Cedeira

No polideportivo municipal de Cedeira xa está a funcionar o elevador de escaleiras instalado polo Concello como medida de accebilidade.

Trátase dunha plataforma que permite salvar os tramos de chanzos ata as bancadas situadas no primeiro e segundo andar do pavillón municipal, no que se desenvolve unha ampla actividade deportiva ao longo de todo o ano.

O investimento realizado superou os 14.400 euros, unha cantidade que se suma a outras anteriores e de maior contía que deron lugar á instalación dun ascensor na biblioteca, á ampliación de beirarrúas nas principais avenidas da vila e ao proceso de eliminación de barreiras arquitectónicas acometido tanto nos pasos de peóns como nos edificios públicos, entre outros no Palacete.

Máis recentemente o Concello acometeu a reforma da rúa Convento coa intención de mellorar a súa accesibilidade e, cara ao presente mandato, prográmase a reurbanización da praza 18 Decembro, antes coñecida como a dos Cabalos. Neste proxecto prevese a instalación de pavimentos táctiles para persoas con discapacidade visual nalgunos tramos da zona peonil, entre outras medidas de accesibilidade.

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, recordou que entre os obxectivos do goberno municipal está “a facer de Cedeira un concello accesible, tanto á hora de utilizar edificios públicos como de facer deporte, pasear polos espazos verdes ou camiñar polas beirarrúas”. O plan municipal de mobilidade está a ser a referencia do goberno municipal para adecuar os espazos comúns ao uso de todos.

O Concello instala unha estrutura elevada para resgardar aos nenos/as das inclemencias do tempo

O CEIP Nicolás del Río está a estrear unha nova estrutura que resgarda aos escolares das inclemencias meteorolóxicas. Trátase dunha construción elevada, a base de chapas prelacadas e translúcidas, que situada no corredor de acceso ao centro converte a esta zona nun patio cuberto máis para que os nenos e nenas de Infantil poidan gozar do recreo ata en días de choiva ou estean resgardados tanto a saída como a entrada da xornada escolar. A superficie cuberta é aproximadamente duns 15 metros de largo.

A obra, que foi executada por Talleres Metálicos Luciano, supuxo un investimento de 11.620,84 euros (IVE Incluído) e estaba contemplada, a petición do colexio, dentro das melloras que o Concello de Cedeira realiza cada ano no centro. Neste sentido, o alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a boa relación que existe entre a dirección do Nicolás del Río, a ANPA Picapeixe e o executivo local, xa que “todos estamos a buscar o mellor para os pequenos/as”. Adiantou así mesmo que xa se están a planificar as actuacións que se levarán a cabo ao longo do curso 2019-2020 para seguir buscando o benestar dos alumnos e a actualización das instalacións escolares.

A matrícula actual do centro está en 407 alumnos/as con idades comprendidas entre os tres e doce anos.