Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Comeza a funcionar o elevador de escaleiras no Polideportivo de Cedeira

No polideportivo municipal de Cedeira xa está a funcionar o elevador de escaleiras instalado polo Concello como medida de accebilidade.

Trátase dunha plataforma que permite salvar os tramos de chanzos ata as bancadas situadas no primeiro e segundo andar do pavillón municipal, no que se desenvolve unha ampla actividade deportiva ao longo de todo o ano.

O investimento realizado superou os 14.400 euros, unha cantidade que se suma a outras anteriores e de maior contía que deron lugar á instalación dun ascensor na biblioteca, á ampliación de beirarrúas nas principais avenidas da vila e ao proceso de eliminación de barreiras arquitectónicas acometido tanto nos pasos de peóns como nos edificios públicos, entre outros no Palacete.

Máis recentemente o Concello acometeu a reforma da rúa Convento coa intención de mellorar a súa accesibilidade e, cara ao presente mandato, prográmase a reurbanización da praza 18 Decembro, antes coñecida como a dos Cabalos. Neste proxecto prevese a instalación de pavimentos táctiles para persoas con discapacidade visual nalgunos tramos da zona peonil, entre outras medidas de accesibilidade.

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, recordou que entre os obxectivos do goberno municipal está “a facer de Cedeira un concello accesible, tanto á hora de utilizar edificios públicos como de facer deporte, pasear polos espazos verdes ou camiñar polas beirarrúas”. O plan municipal de mobilidade está a ser a referencia do goberno municipal para adecuar os espazos comúns ao uso de todos.