Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

COROS DE GALICIA E ASTURIAS PARTICIPARÁN NA XXXIII EDICIÓN DO FESTIVAL DE CORAIS “VILA DE CEDEIRA”

A Sociedade Artística Eixil organiza outro ano máis xunto coa colaboración do Concello o XXXIII Festival de Corais “Vila de Cedeira”. O evento musical, que é gratuíto, celebrarase este sábado, 8 de xullo, ás 20 horas no Auditorio Municipal (r/ María Mediadora, esquina rúa Convento).

No acto participarán diferentes coros de Galicia e Asturias, como a Coral Alecrín de Brión (Ferrol), a Coral Virxe da Barca (Muxía), o Coro Xorrecer de Valdesoto (Sieiro, Asturias) e a propia coral da entidade organizadora do festival, a Coral Eixil (Cedeira). Cada agrupación interpretará un total de catro cancións.

O CONCELLO DE CEDEIRA E A ASOCIACIÓN CONTRA O CANCRO ORGANIZAN UNHA ANDAINA SOLIDARIA O VINDEIRO DOMINGO, 9 DE XULLO

O concello de Cedeira e a Asociación Española contra o Cancro en Cedeira únense para realizar unha andaina solidaria o vindeiro domingo, 9 de xullo, coa que recadar fondos para a investigación contra esta enfermidade. A ruta fará un percorrido circular de aproximadamente unha hora de duración, con saída desde a praza Roxa ás 11 horas.

As inscricións poden facerse de forma presencial en Regalos Rosa (R/ Ezequiel López, 2) ou na oficina de Turismo (Av. Castelao, 18) ata o día previo, e o mesmo día da actividade nas carpas da asociación na praza Roxa a partir das 9.00 horas. O prezo do dorsal para os adultos é de 5€, e o dos nenos, ata 12 anos, de 3€. De forma online é posible apuntarse a través de https://cutt.ly/1wubs6OI. As persoas que non poidan acudir ao evento e queiran colaborar poden adquirir un “dorsal solidario” a través desta mesma web.

A andaina desenvolverase por un percorrido sinxelo de completar para todas as idades, saíndo desde praza Roxa cara o paseo marítimo, seguindo polo Beco, a Area, a Xunqueira, o paso fluvial de A Ponte Nova e volta á praza Roxa. O evento comezará cun quecemento con exercicios de zumba, guiado por unha monitora, que se encargará de motivar e preparar aos participantes. Esta actividade, a segunda deste tipo que se celebra en Cedeira (a primeira foi no 2019) pretende concienciar e dar visibilidade á enfermidade, así como promocionar o exercicio físico e os hábitos de vida saudables. Ademais, nas carpas da Asociación contra o Cancro que se instalarán na praza Roxa con motivo da andaina será posible mercar camisetas e outros artigos promocionais cos que contribuír á investigación contra o cancro.

O CONCELLO PON EN MARCHA O PROGRAMA DE VERÁN “DE RUTA”

O Concello de Cedeira pon en marcha durante o próximo período de vacacións de verán o programa ”De Ruta” con saídas guiadas a pé polos excepcionais paisaxes do municipio. As saídas que serán os días 5, 7, 12, 14, 19, 21, 26 e 28 de xullo, todas de balde e cun límite máximo de 15 participantes.

O programa “De Ruta” comezará o mércores 5 de xullo cun percorrido ao faro de Robaleira. Será unha saída de 8km, de dificultade baixa/media e que se realizará nunhas catro horas, con saída desde a oficina de turismo ás 10.00 da mañá. O itinerario será circular, parte del polo sendeiro que vai desde as vellas fábricas de San Isidro ao faro. Unha vez alí o grupo poderá ver a antiga cetaria, a cala Mi Señora e gozar coas vistas da ría de Cedeira. A volta realizarase polo camiño que leva da praia das Cerdeiras ao Barral. Poderase facer esta ruta tamen os días venres 14 e mércores 26 de xullo.

Para o venres 7, mércores 19 e venres 28 de xullo, a proposta é unha ruta polos Altos de Santo André. Serán tamén 8km dunha dificultade técnica baixa/media, pero con saída desde o mirador dos Carrís ás 10.00 da mañá, e o percorrido irá pola Serra da Capelada e permitirá gozar coas vistas dos cantís de Santo André de Teixido, a Vixía de Herbeira e as rías de Ortigueira e Cedeira.

O mércores 12 e o venres 21 de xullo, farase un percorrido circular no entorno de Punta Candieira, cubrindo unha distancia de 9km que, se estima, levará catro horas. O punto de encontro será no mirados de Punta Candieira ás 10.00 horas.

As persoas interesadas teñen que realizar a súa inscrición no Polideportivo Municipal, ou ben chamando ao número 981 482 633 ou enviando un mail a polideportivocedeira@gmail.com.