Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA E A ASOCIACIÓN CONTRA O CANCRO ORGANIZAN UNHA ANDAINA SOLIDARIA O VINDEIRO DOMINGO, 9 DE XULLO

O concello de Cedeira e a Asociación Española contra o Cancro en Cedeira únense para realizar unha andaina solidaria o vindeiro domingo, 9 de xullo, coa que recadar fondos para a investigación contra esta enfermidade. A ruta fará un percorrido circular de aproximadamente unha hora de duración, con saída desde a praza Roxa ás 11 horas.

As inscricións poden facerse de forma presencial en Regalos Rosa (R/ Ezequiel López, 2) ou na oficina de Turismo (Av. Castelao, 18) ata o día previo, e o mesmo día da actividade nas carpas da asociación na praza Roxa a partir das 9.00 horas. O prezo do dorsal para os adultos é de 5€, e o dos nenos, ata 12 anos, de 3€. De forma online é posible apuntarse a través de https://cutt.ly/1wubs6OI. As persoas que non poidan acudir ao evento e queiran colaborar poden adquirir un “dorsal solidario” a través desta mesma web.

A andaina desenvolverase por un percorrido sinxelo de completar para todas as idades, saíndo desde praza Roxa cara o paseo marítimo, seguindo polo Beco, a Area, a Xunqueira, o paso fluvial de A Ponte Nova e volta á praza Roxa. O evento comezará cun quecemento con exercicios de zumba, guiado por unha monitora, que se encargará de motivar e preparar aos participantes. Esta actividade, a segunda deste tipo que se celebra en Cedeira (a primeira foi no 2019) pretende concienciar e dar visibilidade á enfermidade, así como promocionar o exercicio físico e os hábitos de vida saudables. Ademais, nas carpas da Asociación contra o Cancro que se instalarán na praza Roxa con motivo da andaina será posible mercar camisetas e outros artigos promocionais cos que contribuír á investigación contra o cancro.