Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

APERTURA DE PRAZO PARA PROPOSTA DE CURSOS NA ÁREA DE CULTURA

Coa finalidade de organizar dende a Concellería de Cultura a oferta formativa durante o vindeiro curso académico, no período comprendido entre os día 6 e 12 de setembro, ambos inclusive, ábrese prazo mediante a publicación do presente anuncio na páxina web municipal, para que as persoas ou entidades interesadas en ofertar cursos relacionados coa área de Cultura a través do Concello ao longo do curso académico 2021-2022 presenten as súas propostas no rexistro xeral do concello ou a través da sede electrónica.

Ditas propostas deberán indicar:

Nome do curso:
Breve curriculum da persoa que impartirá o curso:
Obxectivos: Destrezas que poderá adquirir o alumnado ao longo do curso.
Contidos: Temas a tratar.
Temporalización: Número de sesións totais e distribución temporal en sesións por semana e número de semanas.
Ratio: Nº de persoas por grupo. Nº de grupos aos que se pode atender.
Espazo: Descripción do espazo necesario para o desenvolvemento do curso.
Material necesario para a participación do curso, indicando se vai ser aportado polo profesorado ou o debe adquirir o alumnado.
Orzamento total.
Sinatura e dni do interesado.

Haberá un prazo de prematrícula para decidir, en función da demanda, os cursos que se van impartir na primeira quenda (entre outubro e decembro) e na segunda quenda (entre xaneiro e maio).

As persoas que desexen matricularse deberán facelo nas oficinas municipais e pagar as tasas municipais establecidas.

Os casos exentos de pago deberán presentar a documentación oportuna no momento da matrícula.

O Concello fará pública a listaxe de posibles cursos e unha vez realizadas as preinscricións fará públicos os cursos finalmente ofertados.

MÁIS DE 160 PERSOAS PARTICIPARON XA ESTE VERÁN NO PROGRAMA DE ROTEIROS “DESCOBRE CEDEIRA”

Un total de 168 persoas teñen participado durante este verán no programa de roteiros “Descobre Cedeira” que desenvolve o Concello. O número, a falta de que se desenvolvan esta semana as dúas últimas saídas, está moi por enriba do pouco máis dun cento de persoas inscritas no programa de visitas guiadas o pasado ano e pon de manifesto a recuperación da afluencia de visitantes á vila neste 2021.

A falta de sumar a afluencia as rutas previstas para esta semana, a de Santo André de Teixido é a que máis xente realizou este verán entre as tres propostas polo Concello de Cedeira. Un total de 63 persoas inscribíronse nas sete saídas ao santuario desde a igrexa de Régoa, un roteiro de dificultade media e o de maior duración, de 10.00 a 17.00 horas, no que hai que levar a comida.

A ruta denominada “Vila de Cedeira”, doada e de catro horas –de 10.00 a 14.00 horas-, contou coa participación de 60 persoas, mentres que a “dos Tesouros”, que vai da Oficina de Turismo ata o faro da Robaleira, foi seguida por 45 persoas.

Así, houbo unha media de 11 participantes nos 15 roteiros que se desenvolveron ata o momento, desde primeiros de xullo. A concelleira de Turismo, Carmela Prieto, subliñou o bo funcionamento deste programa que vai dirixido tanto ás persoas de fóra que visitan Cedeira durante o verán como tamén á propia veciñanza, que tamén descobre a través destes percorridos e as explicacións da guía detalles da historia e do patrimonio natural e arquitectónico que lles pasaran desapercibidos.

Últimas saídas

Hoxe, martes, está programada e coa inscrición aberta un roteiro pola vila de Cedeira, e este xoves, día 2 de setembro, desenvolverase a última saída do programa, que terá como destino Santo André de Teixido. As persoas interesadas teñen que apuntarse na Oficina de Turismo, presencialmente ou ben enviando un mail a mar.lopez@cedeira.es ou chamando por teléfono ao 981 482 187. A participación é gratuíta.