Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

Cedeira promove a xeoloxía como alternativa ao turismo máis tradicional

CEDEIRA PROMOVE A XEOLOXÍA COMO ALTERNATIVA AO TURISMO MÁIS TRADICIONAL

O Concello de Cedeira vén de abrir o prazo de inscrición para tomar parte no programa de Xeorutas, unha iniciativa municipal de promoción turística na que a riqueza xeológica estase a converter unha alternativa aos tradicionais recursos de sol e montaña. As prazas son limitadas e os interesados xa poden facer a reserva na Oficina de Turismo (981 482 187) ou no blog: rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.es.

O doutor en Xeoloxía Francisco Canosa volve a poñerse á fronte dunhas visitas guiadas que terán lugar de venres a domingo e que darán lugar a un total de 33 saídas. A presente convocatoria, que comezará o próximo venres día 5 de xullo, estará operativa ata mediados do próximo mes de setembro.

Con respecto a pasadas edicións, a que agora comeza presenta como novidade a aplicación dunha penalización ás persoas que reserven e non notifiquen que causan baixa, ante calquera contratempo ou imprevisto. De non facelo, quedarán excluídos do programa durante un ano.

O executivo local recorda que as prazas son limitadas e a participación segue a ser gratuíta, polo que considera que o feito de non anular a reserva está a causar prexuízo a outras persoas e mesmo á administración local por non poder aproveitar un recurso que ademais de público a súa finalidade é dar a coñecer o territorio. O goberno anima aos posibles interesados a apuntarse o máis axiña posible, “porque as prazas acábanse en días” e valora a importancia dunha iniciativa que tamén sirve para reivindicar a declaración, por parte da Unesco, do Xeoparque do Cabo Ortegal.

En canto aos destinos son:

-Ruta do Litoral: Consiste un paseo xeolóxico pola contorna do porto de Cedeira e da praia da Madalena e na que, ademais, se inclúe unha visita ao xacemento arqueolóxico do Sarridal. Trátase dunha actividade de dificultade baixa e cunha duración dunhas tres horas.

-Ruta Os Cantís: Con esta xeorruta existe a posibilidade de contemplar unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, descubrindo así unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 metros de altura e rochas de hai millóns de anos. Ten unha dificultade baixa.

-Ruta de Areas Negras: Esta saída permite coñecer a que está considerada como a única praia de arena negra non volcánica do planeta e tomar contacto cos cantís máis altos da Europa continental, así como ollar a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar. Neste caso, a dificultade é alta e a distancia superior aos 5,5 quilómetros.

-Ruta do Cromo: Trátase dunha zona que xeoloxicamente destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie da Terra. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino. A visita permite ollar tamén a presenza dunha salientable falla que corta toda a Serra da Capelada. A súa dificutade é media.

-Ruta do Granate. Esta ultima saída discorre por un pequeno sendeiro de pescadores dende o santuario de San Andrés ata a ensinada das Cortes. Trátase dun percorrido de dificultade alta, orientado á participación de persoas maiores de 16 anos e que ten unha distancia de cinco quilómetros.

A praia da Madalena xa forma parte da rede Galega de praias sen fume

A PRAIA DA MADALENA XA FORMA PARTE DA REDE GALEGA DE PRAIAS SEN FUME

O Concello de Cedeira incorpórase á Rede Galega de Praias sen Fume ao sumar a praia da Madalena á iniciativa da Xunta de Galicia para combater o tabaquismo.

O programa da Consellería de Sanidade ten unha finalidade educativa, de impulso á saúde e de protección do medio ambiente. A idea, que xorde en 2012 no Concello de Baiona, vai agregando anualmente novas zonas e chega xa á cifra de 141 praias de 64 municipios en 2019.

Se ben o cumprimento desta restrición é totalmente voluntario, desde o Concello animamos á cidadanía a respectar a medida porque é responsabilidade de todos e todas contribuír a desnormalizar o consumo de tabaco na sociedade, favorecer comportamentos saudables nas persoas máis novas e fomentar un modelo de praia que respecte e coide o medio ambiente.

Por que a praia da Madalena libre de tabaco? O fume do tabaco ten substancias tóxicas que son liberadas ao aire que respiramos, incluíndo monóxido de carbono e dióxido de carbono que contribúen ao efecto invernadoiro. Ao problema de contaminación do aire engádese que o filtro dun cigarro está formado nun 80% de acetato de celulosa, que pode tardar ata 25 anos en degradarse. De feito, os cigarros e cabichas son a principal causa de lixo en océanos e praias de todo o mundo. Estes refugallos, ao entrar en contacto coa auga, liberan rapidamente compostos tóxicos con efectos negativos sobre a vida do mar.

FAGÁMOLO ENTRE TODAS E TODOS!

 

Pode consultar toda a información ao respecto nas seguintes ligazóns:

Descarga PDF Folleto de praia sen fume

Descarga PDF Rede de praias sen fume 2019

Rede_Praias_Sen_Fume_2019 folleto_praias_sen_fume

Cedeira mellora a calidade das augas das zonas de baño para a temporada 2019

CEDEIRA MELLORA A CALIDADE DAS AUGAS DAS ZONAS DE BAÑO PARA A TEMPORADA 2019

O Concello de Cedeira vén de recibir a notificación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, sobre a clasificación sanitaria das augas de baño nas praias da Madalena e Arealonga que será vixente para esta temporada. En ámbolos dous casos, a valoración é moi satisfactoria ao mellorar a calificación a BOA no primeiro dos areais e pasando a EXCELENTE o segundo.

A praia de Arealonga, acada este ano 2019 a mellor das clasificacións posibles cun nivel sanitario de `Excelente´ o que representa un importante avance fronte os últimos 3 anos que só obtivo a clasificación de boa.

Máis significativo e o resultado acadado para a praia de A Magdalena. Despois de case 10 anos con clasificacións sanitarias de suficiente, ou incluso insuficiente nas temporadas 2011, 2012 e 2014 os controis analíticos para este ano 2019 reflicten unha mellora na calidade de augas optendo unha clasificación sanitaria final para toda a temporada de `Boa‘.

A clasificación sanitaria é o resultado do último período de avaliación, que recolle os controis analíticos das tres últimas temporadas de baño e a temporada de baño considerada. O sistema de vixiancia sanitaria continúa durante todo o verán mediante a recollida de mostras cunha periocidade aproximadamente quincenal.

Son moitos os factores que inflúen na calidade das augas de baño, pero sen dúbida, os esforzos realizados desde o Concello para mellorar o sistema de sanemento municipal non caen en saco roto.