A praia da Madalena xa forma parte da rede Galega de praias sen fume
A PRAIA DA MADALENA XA FORMA PARTE DA REDE GALEGA DE PRAIAS SEN FUME
O Concello de Cedeira incorpórase á Rede Galega de Praias sen Fume ao sumar a praia da Madalena á iniciativa da Xunta de Galicia para combater o tabaquismo.
O programa da Consellería de Sanidade ten unha finalidade educativa, de impulso á saúde e de protección do medio ambiente. A idea, que xorde en 2012 no Concello de Baiona, vai agregando anualmente novas zonas e chega xa á cifra de 141 praias de 64 municipios en 2019.
Se ben o cumprimento desta restrición é totalmente voluntario, desde o Concello animamos á cidadanía a respectar a medida porque é responsabilidade de todos e todas contribuír a desnormalizar o consumo de tabaco na sociedade, favorecer comportamentos saudables nas persoas máis novas e fomentar un modelo de praia que respecte e coide o medio ambiente.
Por que a praia da Madalena libre de tabaco? O fume do tabaco ten substancias tóxicas que son liberadas ao aire que respiramos, incluíndo monóxido de carbono e dióxido de carbono que contribúen ao efecto invernadoiro. Ao problema de contaminación do aire engádese que o filtro dun cigarro está formado nun 80% de acetato de celulosa, que pode tardar ata 25 anos en degradarse. De feito, os cigarros e cabichas son a principal causa de lixo en océanos e praias de todo o mundo. Estes refugallos, ao entrar en contacto coa auga, liberan rapidamente compostos tóxicos con efectos negativos sobre a vida do mar.
FAGÁMOLO ENTRE TODAS E TODOS!
Pode consultar toda a información ao respecto nas seguintes ligazóns:
Descarga PDF Folleto de praia sen fume