Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

A RÍA DE CEDEIRA COMEZA NOS SUMIDOIROS

Desde o concello quérese lembrar que, Cedeira conta con canalizacións diferenciadas para a recollida das augas residuais (rede de saneamento) e das augas de escorregamento pluvial (rede de sumidoiros). Deste xeito, a auga procedente da choiva, circula pola rede de pluviais sen recibir ningún tratamento, para acabar desembocando directamente no río e na ría.

Por este motivo, débense evitar xestos nocivos co medio ambiente como verter aos sumidoiros as augas de fregar, ou tirar cabichas e lixo no chan, que acabarán sendo arrastradas aos sumidoiros, producindo taponamentos na rede e efectos negativos sobre a vida mariña e augas de baño das praias.

Recordar tamén, que o Regulamento de servizos municipais de limpeza viaria, recollida e transporte de RSU e punto limpo do concello, inclúe como prohibicións as seguintes accións, que polo tanto, poderán ser sancionables:

  • Reparar, lavar ou limpar vehículos na vía pública
  • Verter calquer clase de auga sucia sobre a calzada, beirarrúa e bordos.
  • Baleirar, verter ou depositar calquera clase de materiais residuais na calzada, beirarrúas, solares sen edificar e á rede de sumidoiros.

Todos e todas podemos contribuír á mellora da calidade das augas, facendo un uso responsable dos sumidoiros.

OBRIGAS DE XESTIÓN DE BIOMASA

Coa a finalidade de previr os incendios forestais, o Concello de Cedeira recorda ás persoas titulares das parcelas situadas en núcleo rural ou nas franxas secundarias de protección, que teñen o deber de xestionar a biomasa vexetal nos termos que define a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. O prazo fixado pola Xunta de Galicia para cumprir con este deber remata o vindeiro 31 de maio.

Transcorrido o prazo sen que as persoas responsables xestionen da biomasa ou retiren as especies arbóreas prohibidas, o Concello tramitará as correspondentes ordes de execución, coa imposición de multas coercitivas, de ser o caso. Sen prexuizo dos correspondentes expedientes sancionadores.

Pódese descargar o bando na seguinte ligazón:

Descarga bando OBRIGAS DE XESTIÓN DE BIOMASA

DENUNCIAN A INACCIÓN DA XUNTA ANTE A CONTAMINACIÓN DOS BANCOS MARISQUEIROS DA RÍA DE CEDEIRA

Os concellos de Cedeira e de Valdoviño denuncian a inacción e a desatención da Xunta de Galicia ao que consideran unha auténtica “emerxencia biolóxica”: os altos niveis de contaminación detectados nas augas da ría de Cedeira e da praia de Vilarrube. Transcurriron xa máis de 50 días sen resposta desde que os dous gobernos locais solicitaron unha reunión urxente coa delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, coa intención de abordar o problema e derivalo aos organismos implicados -Pesca, Sanidade, Medio Ambiente, Portos…- polo que urxen unha resposta inmediata que permita estudar a situación.

“Isto non vai de política nin de eleccións”, recordou o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, “vai de persoas que merecen atención, porque este non é só un desastre medioambiental senón tamén económico, que golpea directamente ás familias que viven do marisqueo nestes bancos. Criticou o rexedor local que as autoridades responsables da materia estean a outras cousas e esixiu “seriedade, traballo e empatía, porque o que estamos a pedir é unha reunión para buscar unha solución”.

Cómpre recordar que foi a mediados de novembro cando os alcaldes de Cedeira e Valdoviño, Pablo Diego Moreda Gil e Alberto González Fernández, xunto con outros concelleiros dos seus gobernos locais, mantiveron unha reunión coas mariscadoras da Confraría de Cedeira na que puxeron de manifesto o alto nivel de contaminación. O parámetro máximo para a presencia de E.coli é de 4.600/100 mgs e se está a detectar unha taxa de preto de 18.000, un nivel elevadísimo e que provoca a cualificación das augas como de tipo C.

Moreda Gil recorda que se trata dunha zona na que tradicionalmente se rexistran excelentes resultados nas analíticas e na que desde hai poucos anos se rexistran picos de contaminacón cuxo foco ou focos urxe atopar. Xa no pasado 2023 os bancos de ameixa e berberecho das enseadas de Pantín e de Esteiro, así como os da praia de Vilarrube, estiveron cualificadas durante varios meses como zonas C.