Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DENUNCIAN A INACCIÓN DA XUNTA ANTE A CONTAMINACIÓN DOS BANCOS MARISQUEIROS DA RÍA DE CEDEIRA

Os concellos de Cedeira e de Valdoviño denuncian a inacción e a desatención da Xunta de Galicia ao que consideran unha auténtica “emerxencia biolóxica”: os altos niveis de contaminación detectados nas augas da ría de Cedeira e da praia de Vilarrube. Transcurriron xa máis de 50 días sen resposta desde que os dous gobernos locais solicitaron unha reunión urxente coa delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, coa intención de abordar o problema e derivalo aos organismos implicados -Pesca, Sanidade, Medio Ambiente, Portos…- polo que urxen unha resposta inmediata que permita estudar a situación.

“Isto non vai de política nin de eleccións”, recordou o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, “vai de persoas que merecen atención, porque este non é só un desastre medioambiental senón tamén económico, que golpea directamente ás familias que viven do marisqueo nestes bancos. Criticou o rexedor local que as autoridades responsables da materia estean a outras cousas e esixiu “seriedade, traballo e empatía, porque o que estamos a pedir é unha reunión para buscar unha solución”.

Cómpre recordar que foi a mediados de novembro cando os alcaldes de Cedeira e Valdoviño, Pablo Diego Moreda Gil e Alberto González Fernández, xunto con outros concelleiros dos seus gobernos locais, mantiveron unha reunión coas mariscadoras da Confraría de Cedeira na que puxeron de manifesto o alto nivel de contaminación. O parámetro máximo para a presencia de E.coli é de 4.600/100 mgs e se está a detectar unha taxa de preto de 18.000, un nivel elevadísimo e que provoca a cualificación das augas como de tipo C.

Moreda Gil recorda que se trata dunha zona na que tradicionalmente se rexistran excelentes resultados nas analíticas e na que desde hai poucos anos se rexistran picos de contaminacón cuxo foco ou focos urxe atopar. Xa no pasado 2023 os bancos de ameixa e berberecho das enseadas de Pantín e de Esteiro, así como os da praia de Vilarrube, estiveron cualificadas durante varios meses como zonas C.