Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O DESFILE DE DISFRACES ABRE ESTE SÁBADO O PROGRAMA DE ENTROIDO DO CONCELLO DE CEDEIRA

O desfile de comparsas e disfraces abrirá este sábado en Cedeira o programa festivo de Entroido, que se vai prolongar ata o mércores con variedade de propostas e actividades para todas as idades. Mañá xoves día 8 ata as 14.00h é o último día para inscribirse no concurso de disfraces, nas categorías de comparsa, grupo, parella ou individual, no que este ano se fallarán tamén premios especiais de carroza e asociación ou centro educativo. Tal como se informou recentemente, o Concello elevou este ano a contía dos premios ata sumar 5.590€.

Desde o Concello confirmaron onte que as inscricións xa formalizadas permiten afirmar que vai haber participantes en todas as categorías, porén ainda queda hoxe para apuntarse. O desfile partirá ás 18.00 horas da estación de autobuses e irá acompañado da charanga Bicoia. Realizará o habitual percorrido polo casco urbano de Cedeira, comezando pola avenida Castelao e dando a volta ás pontes, para rematar na Praza Roxa. Alí, a partir das 23.30h, entregaranse os premios -o xurado está integrado por persoas do tecido asociativo- e comenzará unha verbena coa orquestra Fania Blanco Show.

En caso de choiva este sábado, tal e como xa especifican as bases do concurso de disfraces, adiaríase o desfile. Nese caso, a charanga Bicoia animaría a zona da praza Roxa.

O programa de Entroido continuará o domingo, día 11, cunha proposta de xogos e obradoiros para a cativada na Praza Roxa, de 17.00 a 20.00h. Ao día seguinte, o luns, haberá no mesmo lugar un espectáculo infantil a cargo dos Jalochos, un grupo que ofrecerá un concerto participativo e con protagonismo da lingua galega, con percusión corporal e baile, no que aparecerán lendas e personaxes tradicionais. A cita é as 17.30h.

O martes 13 a festa desplazarase ao Polideportivo Municipal. Alí, a partir das 17.00 h haberá inchables e obradoiros nos que poderán gozar gratuitamente nenos e nenas.

O programa tocará ao seu fin o mércores 14 co tradicional enterro da sardiña. A praza da Marieta, ás 18.00 horas, será o punto de encontro para comezar os actos funerarios, nos que moitos veviños e veciñas adoitan participar gardando rigoroso loito. O cortexo fúnebre realizará un percorrido polo casco urbano da vila que rematará na praza Roxa, onde terá lugar un breve acto para despedir á sardiña e clausurar o Entroido.