Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA APROBA OS TRES PROXECTOS DE INVESTIMENTO QUE ACOMETERÁ COS FONDOS DO POS+2024

O pleno da corporación municipal de Cedeira aprobou por unanimidade a proposta de participación no POS+2024 da Deputación Provincial da Coruña, no que se consignan achegas para gastos correntes e investimentos que ascenden a 423.098,49€ e a partida do plan complementario, con outros 285.679€. Saiu adiante igualmente a solicitude de 68.084,81€ para gastos sociais extraordinarios.

O programa provincial consigna, na achega de 2024, 238.296,85€ para gastos correntes e 184.801,64€ para investimentos. A proposta aprobada polo Concello prevé destinar a segunda destas partidas a financiar a rehabilitación do Palacete Municipal, unha actuación orzamentada en 149.250,04€, e a creación dunha zona verde na rúa Silva. Neste último caso, a actuación ten un presuposto de 67.555,12€ dos que 35.551,60€ se custearán co POS e o resto con fondos municipais.

A rehabilitación do Palacete Municipal vai dirixida fundamentalmente a solucionar os problemas de humidade que existen no semisoto do inmoble e mellorar o illamento, así como poñer ao día os aseos e as condicións de accesibilidade. As obras incluirán o cambio do forxado do teito do semisoto, moi deteriorado e danado pola acción dos xilófagos. Mellorarase o sistema de caleiros e tamén farase un vaciado no perímetro do edificio para crear unha franxa drenante e evitar a entrada de humidade.

Tamén acometerá o Concello de Cedeira, con cargo aos fondos provinciais, a creación dun espazo verde e de lecer nas chamadas “Casas Baratas”. Este proxecto contempla a transformación de 73 metros cadrados que actualmente está degradado e desaproveitado para convertilo nun lugar de encontro da veciñanza. A parcela ten forma de triángulo porque está entre a bifurcación da rúa Silva, á altura do número 26, coa travesía do mesmo nome. A previsión é plantar vexetación e árbores, así como instalar unha zona de bancos, cunha estrutura de cuberta parcial para facer máis confortable este espazo. Haberá tamén un aparcamento de bicicleta e renovaranse as beirarrúas ao arredor, dándolles o ancho suficiente para garantir as correctas condicións de accesibilidade. Esta nova zona verde sitúase contra a fachada cega dun edificio, na que o Concello se propón, sempre que conte co consenso dos veciños, unha nova obra de street art.

No mesmo expediente da proposta do POS+2024 aprobado polo pleno vai a proposta de investimento do plan complementario, dotado con 285.679,49€, que o Concello de Cedeira destinará ao arranxo e mellora de 15 viais de titularidade municipal que suman máis de 6,7 quilómetros. Son, todos eles, pistas da zona rural que presentan un importante deterioro, en moitos casos acentuado polo paso de camións que realizan traballos forestais. A actuación incluirá repoñer a capa de rodadura e adecuar o drenaxe para garantir unha maior durabilidade. Os camiños incluídos no proxecto son Calvario-Ribeira, Arrasa, Condomiñas, Bereixo-Piñeiro, Guilliade-Casaldegonce, Sisalde Maior, San Miguel de Sisalde, Lugar Campo Cruz, As Bieiteiras, As Filgueiras-O Rego, Lugar Torno, Purrey-Sedeás e Liñares-Portovello.

O Concello de Cedeira vai contar tamén con 68.084,81€ do programa provincial para gastos sociais extraordinarios, co que vai poder reforzar o cadro de persoal adscrito aos Servizos Sociais municipais, así como ampliar as partidas destinadas a axudas de emerxencia para unidades de convivencia en risco de exclusión.