Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

A Biblioteca Municipal López Cortón xa loce un aspecto máis rexuvenecido

O goberno de Cedeira acaba de dar por finalizada a obra de pintado exterior da biblioteca municipal López Cortón, un edificio que xa fora sometido a unha profunda renovación no seu interior e que forma parte do conxunto arquitectónico do casco vello. Desde o executivo local destácase o seu interese en contribuír á posta en valor do núcleo urbano da vila e, neste sentido, recórdase que cara ao 2020 está prevista a execución do proxecto que transformará o pazo de Moscoso nun novo edificio de carácter municipal e de servizos.

A obra agora executada pola empresa Agustín González Carro na biblioteca consistiu no pintado exterior dunha edificación cuxos orixes se remontan ao século XVIII e que durante anos tamén foi sede consistorial do municipio. Cun orzamento superior aos 6.600 euros, o traballo realizado deu lugar ao lavado e saneado de todas as paredes exteriores do inmoble, que posteriormente recibiron dúas mans de imprimación e un total de tres de pintura impermeabilizante. A intervención mellora considerablemente o aspecto exterior da construción e evita posibles problemas de humidade. Segundo o alcalde, Pablo Moreda Gil, “o Concello tamén debe velar pola conservación dos edificios municipais e pola posta en valor da riqueza local”.

O goberno municipal apostou por manter os colores branco e amarelo tan característicos da edificación, así como a faciana e os versos de Rosalía de Castro que desde hai un ano figuran na fachada posterior e principal do edificio, situado entre a praza da Rectoral e a travesía do Cristo.

Campaña de inverno 2020 – Deputación da Coruña

A área de deportes da Deputación da Coruña organiza, entre o 24 de xaneiro e o 24 de febreiro de 2020 diversas viaxes á estación invernal de Cabeza de Manzaneda (Ourense) para fomentar a práctica do esquí entre os nenos e as nenas entre os 11 e os 15 anos de idade dos municipios coruñeses.

Datas para Cedeira ( 4ª quenda ): do 14/02/2019 ao 17/02/2019

Prazas: 4

Inscricións: entre o 12 de novembro e o 4 de decembro no rexistro do concello.

En caso de ter máis solicitudes que prazas farase un sorteo público entre as presentadas, tendo en conta que terán prioridade os nenos/as que nunca asistiron a campañas de inverno.

Idade: entre 11 e 15 anos inclusive (cumpridos antes do 31 de decembro de 2020)

As viaxes terán un custo de 85 euros e inclúen transporte, estadía en Cabeza de Manzaneda, clases de esquí, monitores, seguro, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.

O polideportivo será accesible coa instalación dun elevador de escaleiras

O POLIDEPORTIVO SERÁ ACCESIBLE COA INSTALACIÓN DUN ELEVADOR DE ESCALEIRAS

O Concello de Cedeira investirá 14.450 euros na instalación dun elevador de escaleiras no polideportivo municipal como medida de accesibilidade.

Trátase dunha solución que permitirá o acceso ás bancadas do primeiro e segundo andar do pavillón a aquelas persoas con dificultade de mobilidade.

A empresa Soluciones Técnicas Nexoted levará a cabo a obra, para a que foron solicitadas tres ofertas. A intervención estará rematada dentro do presente exercicio.

A realización deste novo proxecto obedece ao interese do equipo de goberno de cumprir coa obriga legal de eliminación de barreiras arquitectónicas nos edificios públicos.

Só nos últimos anos, o executivo local investiu case 200.000 euros na reforma da biblioteca, cuxa actuación principal consistiu na instalación dun ascensor que agora poden utilizar persoas con problemas de mobilidade. Tamén acometou distintos proxectos para a eliminación de barreiras arquitectónicas, como a ampliación de beirarrúas executada na avenida das Pontes de García Rodríguez para favorecer o tránsito de persoas en cadeiras de rodas.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, apuntou que o asunto da accesibilidade segue a ser unha das prioridades cara ao presente mandato, como xa o foi durante o primeiro no que tamén se construíu unha rampla no palacete. Segundo o rexedor municipal, “o obxecto é facer de Cedeira un concello accesible, tanto a hora de utilizar os edificios municipais como a de facer deporte, pasear polos espazos públicos ou camiñar polas beirarrúas”.