Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O polideportivo será accesible coa instalación dun elevador de escaleiras

O POLIDEPORTIVO SERÁ ACCESIBLE COA INSTALACIÓN DUN ELEVADOR DE ESCALEIRAS

O Concello de Cedeira investirá 14.450 euros na instalación dun elevador de escaleiras no polideportivo municipal como medida de accesibilidade.

Trátase dunha solución que permitirá o acceso ás bancadas do primeiro e segundo andar do pavillón a aquelas persoas con dificultade de mobilidade.

A empresa Soluciones Técnicas Nexoted levará a cabo a obra, para a que foron solicitadas tres ofertas. A intervención estará rematada dentro do presente exercicio.

A realización deste novo proxecto obedece ao interese do equipo de goberno de cumprir coa obriga legal de eliminación de barreiras arquitectónicas nos edificios públicos.

Só nos últimos anos, o executivo local investiu case 200.000 euros na reforma da biblioteca, cuxa actuación principal consistiu na instalación dun ascensor que agora poden utilizar persoas con problemas de mobilidade. Tamén acometou distintos proxectos para a eliminación de barreiras arquitectónicas, como a ampliación de beirarrúas executada na avenida das Pontes de García Rodríguez para favorecer o tránsito de persoas en cadeiras de rodas.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, apuntou que o asunto da accesibilidade segue a ser unha das prioridades cara ao presente mandato, como xa o foi durante o primeiro no que tamén se construíu unha rampla no palacete. Segundo o rexedor municipal, “o obxecto é facer de Cedeira un concello accesible, tanto a hora de utilizar os edificios municipais como a de facer deporte, pasear polos espazos públicos ou camiñar polas beirarrúas”.