Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira amplía cunha pick-up Navara o parque móbil da agrupación de Protección Civil

CEDEIRA AMPLÍA CUNHA PICK-UP NAVARA O PARQUE MÓBIL DA AGRUPACIÓN DE PROTECCIÓN CIVIL

O Concello de Cedeira acaba de incorporar un novo vehículo ao parque móbil de Protección Civil, integrado ata agora por un vehículo todo terreo e unha motobomba urbana.

O que recibiu hoxe o concelleiro de Facenda e Servizos Económicos, Manuel Martínez, da man do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, foi unha pick-up Navara, da marca Nissan, que se destinará a tarefas de rescate e busca de desaparecidos, segundo apuntou o xefe da Policía Local, Alberto Díaz.

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, agradeceu a axuda da Xunta en materia de protección civil e emerxencias porque “permite dotar os membros dos servizos municipais dun equipamento adecuado para facer o seu traballo nas mellores condicións posibles”. Esta colaboración, segundo o alcalde, “contribúe a que a atención sexa máis eficaz e garante, así mesmo, a seguridade das persoas”. Moreda Gil destacou o labor que os membros de Protección Civil realizan ao longo de todo o ano e que tamén pasa por combater a praga da velutina coa retirada de niños.

O acordo de colaboración coa Xunta obriga o Concello a facerse cargo de gastos de matriculación e seguro, mentres que a administración autonómica financia o custo dun vehículo, que supera os 30.000 euros, segundo o rexedor municipal.