Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello convoca o certame gastronómico para degustar os primeiros sabores de outono

O CONCELLO CONVOCA O CERTAME GASTRONÓMICO PARA DEGUSTAR OS PRIMEIROS SABORES DE OUTONO

O Concello de Cedeira convoca por segundo ano consecutivo o concurso gastronómico Tapas de Outono, unha convocatoria coa que se pretende exaltar os produtos locais de tempada e darlle visibilidade á cociña que se fai detrás dos mostradores dos locais de hostalería da vila.

Un total de 13 establecementos tomarán parte dunha actividade que se levará a cabo a última fin de semana de outubro e que se traducirá na elaboración de consumicións que se servirán, a modo de tapas, desde as 20.30 horas do día 25 ás 16.00 horas do domingo 27. O prezo por unidade será de 1,5 euros.

Esta celebración ofrece a veciños e visitantes a posibilidade de degustar os primeiros sabores de outono en pequenas doses, ademais de participar nun sorteo dunha cea para dúas persoas no caso de reunir os cinco selos esixidos para asinar a tarxeta de votación que estará en todos os negocios participantes. Estes son: Restaurante Brisa, Taberna Praza do Peixe, Mesón San Antón, Taberna do JoJó, Pizzería Sheriff, Bar Ambute, Mesón O Mesón, Bar Galifornia, Cervecería Rosi, Gastrobar O Amanexo, Mesón O Pirata, Taberna de Esteiro, Bar San Isidro/Kilómetro Fuego.

Os locais terán que ter en conta que é obrigado facer uso de produtos de tempada, como poden ser os cogomelos, as castañas ou as cabazas, así como presentar unha única tapa feita expresamente para o certame. O xurado estará formado polas persoas que proben as tapas e para poder participar só é preciso cubrir a tarxeta de votación que haberá en todos negocios participantes.

Promocionar a hostalería local e fomentar a gastronomía da zona son dúas das razóns que levaron ao goberno municipal a convocar esta nova edición dun certame ao que invita a veciñanza a secundar a iniciativa visitando o maior número de locais posibles.