Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

O GOBERNO LOCAL PIDE COMPRENSIÓN POLAS MOLESTIAS QUE PODEN OCASIONAR AS OBRAS EN MARCHA

O goberno local de Cedeira informou do comezo das obras de reforma integral da praza 18 de Decembro –tamén coñecida como a “dos cabalos”- e da construción da tirolina no parque do Camiño Real. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, pediu á veciñanza paciencia e comprensión polas molestias que poden ocasionar estas actuacións e asegurou que se tentará axilizalas ao máximo. “Sabemos que as obras provocan incomodidades, pero cómpre recordar que se fan para ter mellores equipamentos e que todos e todas poderemos gozar do resultado”, explicou o rexedor.

As obras na praza 18 de Decembro van restrinxir temporalmente o número de prazas de estacionamento na zona, por exemplo. Porén, este investimento –de máis de 270.000€- vai dotar á vila dun espazo para o lecer cuberto e ao abrigo do vento.

Na zona do Camiño Real, o Concello de Cedeira ten xa rematada a construción do skate bowl, un novo espazo para o ocio da mocidade. No mesmo proxecto, adxudicado por preto de 121.000 euros, está a instalación dunha tirolina de 28 metros de largo, cunha altura de catro metros na saída e tres na chegada, que se está a colocar tamén estes días preto da randeeira hexagonal que está no mesmo parque.

CEDEIRA CELEBRARÁ O DÍA 26 DE DECEMBRO UNHA NOVA EDICIÓN DA CARREIRA LÚDICA DE SAN SILVESTRE

O Concello colabora un ano máis co Club Natación Cedeira na organización da carreira de San Silvestre, unha proba de carácter lúdico e festivo que adoita ter unha alta participación de persoas de todas as idades. A actividade está programada para o vindeiro 26 de decembro, domingo, ás 20.30 horas, e desde as 19.00 horas poderán recollerse os dorsais no punto de saída, o Pavillón Municipal.

A definición como “carrera/andaina” que aparece no cartel desta San Silvestre destaca o seu carácter aberto e non competitivo. De feito, non é precisa a inscrición e tampouco ten clasificación. A cita deportiva, na que cada quen corre ou camiña ao seu ritmo, celebrouse por primeira vez no ano 2013 e desde aquela mantívose todos os anos excepto o pasado, pola pandemia, cunha alta participación.

Como en anteriores edicións, haberá un percorrido curto, de 3.240 metros, e outro longo, de 5.255 metros. No primeiro, o trazado vai pola rúa dos Deportes, Salinas, Camiño Real da Madalena, Santo Isidro, Camiño Real da Madalena, praza 18 de Decembro e avenida de España ata a meta, que estará no Pavillón Municipal. As persoas que opten polo percorrido longo, seguirán, ao chegar á praza 18 de Decembro, pola rúas Rosalía de Castro e Ortigueira, o Camiño da Acea, rúa Gaias da Area, avenida da Area, praza de Galicia e volverán pola avenida de España ata o pavillón.

CAMPAÑA DE INVERNO 2022 DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O Concello de Cedeira conta con seis prazas para a Campaña de neve 2022 da Deputación da Coruña (6ª quenda, dende o 18/02/2022 ao 21/02/2022).

As idades dos rapaces/zas participantes serán de 12 a 15 anos inclusive (cumpridos a 31 de decembro de 2021).

Cota de participación: 85 €.

O transporte desde a comarca, tanto de ida como de volta está incluído na oferta. Os puntos da comarca onde terá lugar a recollida notificarase con abonda anticipación.

Terán preferencia os/as rapaces/zas que non foran a ningunha campaña da neve da Deputación. No suposto de ter máis solicitudes que número de prazas concedidas pola Deputación, realizarase un sorteo público ante a Secretaria do concello para adxudicar as mesmas entre o 15 de decembro e o día 17 de decembro de 2021.

Prazo para as solicitudes de inscrición: ata o día 14 de decembro de 2021, de maneira presencial no rexistro (oficinas xerais), ou ben a través da sede electrónica do Concello de Cedeira cumprimentando unha instancia xeral na cal se indicarán os seguintes datos:
– Nome da persoa responsable do/a menor (nai, pai, titor/a)
– Enderezo
– DNI
– Teléfono
– Enderezo para efectos de notificación
– Correo electrónico (non imprescindible)
– Nome do/a menor representado/a

Pódese consulta o anuncio ou a instancia xeral nas seguintes ligazóns:

VER PDF CAMPAÑA DE NEVE 2022 DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

VER PDF INSTANCIA XERAL