Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA CELEBRARÁ O DÍA 26 DE DECEMBRO UNHA NOVA EDICIÓN DA CARREIRA LÚDICA DE SAN SILVESTRE

O Concello colabora un ano máis co Club Natación Cedeira na organización da carreira de San Silvestre, unha proba de carácter lúdico e festivo que adoita ter unha alta participación de persoas de todas as idades. A actividade está programada para o vindeiro 26 de decembro, domingo, ás 20.30 horas, e desde as 19.00 horas poderán recollerse os dorsais no punto de saída, o Pavillón Municipal.

A definición como “carrera/andaina” que aparece no cartel desta San Silvestre destaca o seu carácter aberto e non competitivo. De feito, non é precisa a inscrición e tampouco ten clasificación. A cita deportiva, na que cada quen corre ou camiña ao seu ritmo, celebrouse por primeira vez no ano 2013 e desde aquela mantívose todos os anos excepto o pasado, pola pandemia, cunha alta participación.

Como en anteriores edicións, haberá un percorrido curto, de 3.240 metros, e outro longo, de 5.255 metros. No primeiro, o trazado vai pola rúa dos Deportes, Salinas, Camiño Real da Madalena, Santo Isidro, Camiño Real da Madalena, praza 18 de Decembro e avenida de España ata a meta, que estará no Pavillón Municipal. As persoas que opten polo percorrido longo, seguirán, ao chegar á praza 18 de Decembro, pola rúas Rosalía de Castro e Ortigueira, o Camiño da Acea, rúa Gaias da Area, avenida da Area, praza de Galicia e volverán pola avenida de España ata o pavillón.