Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GOBERNO LOCAL PIDE COMPRENSIÓN POLAS MOLESTIAS QUE PODEN OCASIONAR AS OBRAS EN MARCHA

O goberno local de Cedeira informou do comezo das obras de reforma integral da praza 18 de Decembro –tamén coñecida como a “dos cabalos”- e da construción da tirolina no parque do Camiño Real. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, pediu á veciñanza paciencia e comprensión polas molestias que poden ocasionar estas actuacións e asegurou que se tentará axilizalas ao máximo. “Sabemos que as obras provocan incomodidades, pero cómpre recordar que se fan para ter mellores equipamentos e que todos e todas poderemos gozar do resultado”, explicou o rexedor.

As obras na praza 18 de Decembro van restrinxir temporalmente o número de prazas de estacionamento na zona, por exemplo. Porén, este investimento –de máis de 270.000€- vai dotar á vila dun espazo para o lecer cuberto e ao abrigo do vento.

Na zona do Camiño Real, o Concello de Cedeira ten xa rematada a construción do skate bowl, un novo espazo para o ocio da mocidade. No mesmo proxecto, adxudicado por preto de 121.000 euros, está a instalación dunha tirolina de 28 metros de largo, cunha altura de catro metros na saída e tres na chegada, que se está a colocar tamén estes días preto da randeeira hexagonal que está no mesmo parque.