Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

CELEBRACIÓNS PATRONAIS DA VIRXE DO ROSARIO, ESTE SÁBADO E O DOMINGO NA PARROQUIA DE SAN ROMÁN

A Asociación de Veciños de San Román organiza un ano máis, coa colaboración do Concello, as festas na honra da Virxe do Rosario. Os actos sucederanse este sábado e domingo, días 1 e 2 de outubro, na gran carpa que se vai instalar para a ocasión.

As festas comezarán coa misa solemne este sábado, ás 13.15 horas, que irá seguida dunha sesión vermú amenizada polo grupo Alaska. Ás 17.30 horas haberá un partido de fútbol de solteros contra casados, no que o equipo gañador levará un trofeo e un bono de 100€ para gastar no toldo. Pola noite chegará a tradicional verbena, na que actuarán o grupo Alaska e Fania Blanco Show.

O domingo haberá de novo unha misa solemne, tamén ás 13.15h, cantada pola Coral Eixil de Cedeira. Ao remate da función relixiosa ofrecerá un concerto a Banda de Música Vila de Cedeira. Para rematar o programa festivo, anúnciase unha sesión vermú co grupo Jaque.

Por outra banda, a Asociación de Maiores de Cedeira organiza de novo o seu Festival Reencontros, que celebrara por última vez no ano 2019. O Auditorio Municipal acollerá o sábado, a partir das 20.00 horas, esta cita na que os maiores da vila adoitan recordar os “cantos de taberna”, aquelas cancións coas que de sempre acompañaron as romarías, os encontros con amigos e familia, e que conforman, de seu, un patrimonio común das xentes da vila.

O CONCELLO LICITA A SUBSTITUCIÓN DO PAVIMENTO DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL POR MÁIS DE 187.000€

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de licitación para a substitución do pavimento do Polideportivo Municipal, un proxecto valorado en 187.201,41€ (IVE incluído), que se vai acometer a través do convenio suscrito o pasado 1 de xullo coa Deputación da Coruña. A administración provincial asume o 80% e a local o 20% dun investimento que o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, considera “importantísimo para ofrecer as mellores condicións á cancha de xogo, que ten un uso intensísimo e que sofre un alto grao de deterioro”.

O goberno local de Cedeira comezou traballar neste proxecto xa no ano 2018, cando encargou o primeiro informe técnico sobre a situación do pavimento do pavillón deportivo municipal. A actuación que se vai acometer abrangue a substitución do solo de madeira da pista de xogo, cunha superficie de 1.211,37 metros cadrados, e tamén o pavimento de linóleo que está nas zonas anexas, nunha superficie total de 165 metros cadrados. A cancha actual ten parquet cruzado deportivo de 25 mm, directamente colocado sobre o formigón e sen capa de impermeabilización. Hai madeiras levantadas e podres e están especialmente danadas aquelas situadas nas zonas de unión co linóleo, onde afectou máis a humidade.

As obras consistirán no levantamento do chan actual e a colocación dun novo pavimento de tablas de madeira laminada sobre rastreis especialmente deseñada para o uso deportivo. O novo solo irá asentado sobre un conxunto de tiras de goma, baixo os rastreis, destinado a evitar a deformación da superficie e a absorber os impactos. Nas zonas anexas á pista de xogo instalarase un pavimento sintético, pero desta volta cunha capa de impermeabilización por debaixo que garanta unha maior durabilidade. Xunto co chan, o proxecto tamén inclúe a substitución do actual marcador por un dixital que se adaptará a todos os deportes que se desenvolven neste espazo.

As empresas interesadas en presentar a súa oferta ao concurso poden facelo ata o vindeiro 17 de outubro. O concurso segue o procedemento aberto simplificado e o prazo de execución será de dez semanas.

Moreda Gil subliñou a importancia desta actuación e recordou que no que vai de ano o goberno local ten investido xa preto de 80.500€ en diferentes obras menores para a mellora e posta ao día de diferentes instalacións deportivas, aos que hai que sumar os 36.000€ en axudas a clubes da localidade. O alcalde agradeceu a colaboración da Deputación, esencial para que o Concello poida acometer unha actuación desta envergadura, e recordou que a administración provincial ten tamén en marcha os trámites para realizar un investimento de máis de 350.000€ na mellora do trazado da estrada DP-2206 na curva de Tide.

 

O CONCELLO ENTREGOU Á ESCOLA DA GALIÑA AZUL UN LOTE DE CONTOS PARA AS CRIANZAS VALORADO EN 500€

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, entregou hoxe á directora da escola infantil da Galiña Azul, Eva Arribi, un lote de contos para as crianzas valorado en 500€. A doazón municipal resposta a unha necesidade que trasladaron ao goberno local os pais e as nais do centro, que fixeron notar que os fondos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar Social para a escola non abondan para incrementar os fondos e substituír aqueles libros que están xa moi deteriorados pola manipulación dos máis pequenos.

Moreda Gil amosouse especialmente ledo por poder contribuír, desde o Concello, a mellorar a calidade de ensino das crianzas e subliñou a importancia dos contos para a educación xa a idades temperás, porque axudan a desenvolver a imaxinación, fomentan a escoita e a comunicación, estimulan a creatividade… “O goberno local está sempre disposto a colaborar para ofrecer máis e mellores recursos aos centros educativos públicos”, comentou, engandindo que o seu equipo é sensible ás dificultades que están a ter as educadoras e educadores desta rede autonómica para consolidar os seus postos de traballo.

Céspede artificial

Por outra banda, o Concello vén de investir 6.921,20€ na instalación de céspede artificial en todo o patio exterior do segundo edificio da escola infantil. O primeiro contaba cun chan de caucho, que garante o xogo dos nenos e nenas de cero a tres anos en condicións de seguridade, pero o exterior do inmoble no que se levou a cabo a ampliación do centro era de aglomerado. Co novo material evítanse pequenos accidentes nas saídas ao exterior.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira investiu durante o pasado ano máis de 61.000€ na adecuación das fachadas exteriores, a carpintería e o tellado do inmoble no que se levou a cabo da ampliación da Galiña Azul. A ampliación fíxose efectiva no ano 2019 e permitiu ampliar as 58 prazas anteriores ata as 78 actuais. Daquela, a institución municipal puxo a disposición do organismo autonómico o inmoble, que era da súa titularidade e está situado xunto á escola, e axumiu parte das obras de reforma interior.