O CONCELLO ENTREGOU Á ESCOLA DA GALIÑA AZUL UN LOTE DE CONTOS PARA AS CRIANZAS VALORADO EN 500€
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, entregou hoxe á directora da escola infantil da Galiña Azul, Eva Arribi, un lote de contos para as crianzas valorado en 500€. A doazón municipal resposta a unha necesidade que trasladaron ao goberno local os pais e as nais do centro, que fixeron notar que os fondos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar Social para a escola non abondan para incrementar os fondos e substituír aqueles libros que están xa moi deteriorados pola manipulación dos máis pequenos.
Moreda Gil amosouse especialmente ledo por poder contribuír, desde o Concello, a mellorar a calidade de ensino das crianzas e subliñou a importancia dos contos para a educación xa a idades temperás, porque axudan a desenvolver a imaxinación, fomentan a escoita e a comunicación, estimulan a creatividade… “O goberno local está sempre disposto a colaborar para ofrecer máis e mellores recursos aos centros educativos públicos”, comentou, engandindo que o seu equipo é sensible ás dificultades que están a ter as educadoras e educadores desta rede autonómica para consolidar os seus postos de traballo.
Céspede artificial
Por outra banda, o Concello vén de investir 6.921,20€ na instalación de céspede artificial en todo o patio exterior do segundo edificio da escola infantil. O primeiro contaba cun chan de caucho, que garante o xogo dos nenos e nenas de cero a tres anos en condicións de seguridade, pero o exterior do inmoble no que se levou a cabo a ampliación do centro era de aglomerado. Co novo material evítanse pequenos accidentes nas saídas ao exterior.
Cómpre recordar que o Concello de Cedeira investiu durante o pasado ano máis de 61.000€ na adecuación das fachadas exteriores, a carpintería e o tellado do inmoble no que se levou a cabo da ampliación da Galiña Azul. A ampliación fíxose efectiva no ano 2019 e permitiu ampliar as 58 prazas anteriores ata as 78 actuais. Daquela, a institución municipal puxo a disposición do organismo autonómico o inmoble, que era da súa titularidade e está situado xunto á escola, e axumiu parte das obras de reforma interior.