Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

FORO DE TURISMO E PESCA PARA A PROMOCIÓN DO EMPRENDEMENTO NOS SECTORES PESQUEIRO E TURÍSTICO DE CEDEIRA

O PROXECTO PESCATURACCION, actuación do CONCELLO DE CEDEIRA, para o impulso do emprendemento nos sectores turístico e pesqueiro da vila, finaliza coa celebración dun Foro de Turismo e Pesca o día 6 de outubro as 18:30 horas na Confraría de Pescadores de Cedeira.

Dentro do proxecto de PESCATURACCION e a través dun proceso participativo realizouse unha consulta a cidadanía, para o deseño dun Plan de Mellora e unha Imaxe de Marca Territorial. Este proceso de consulta facilitou a definición dos elementos estratéxicos e diferencias de Cedeira, e foron básicos para a creación da Marca Territorial ligada ao mar e ao turismo. Esta marca ademais serve para a promoción do emprendemento innovador e sustentable no sector turismo e pesqueiro.

A promoción e impulso do emprendemento nos sectores turístico e pesqueiro da vila de Cedeira, é o obxectivo final de PESCATURACCION. E coa celebración deste foro quérese dar a coñecer experiencias emprendedoras de éxito noutros territorios costeiros de Galicia e con elo estimular o xurdir de novos negocios.

Para o Foro contarase coa presencia de empresas, de pobos galegos con poboación e características similares a Cedeira, que son consideradas boa práctica no ámbito do turismo e da pesca, ben no ámbito da transformación de produtos pesqueiros ou ben por apostar pola diversificación do sector pesqueiro-marisqueiro.

O Foro dará comezo as 18:30 horas coa presentación da marca territorial de Cedeira e o Plan de Mellora, para pasar coas intervencións das empresas que son casos de éxito e rematará cunha degustación de produtos do territorio.

Este Foro está dirixido ás empresas e traballadores e traballadoras dos sectores do turismo (empresas de actividades, informadores turísticos, restaurantes, aloxamentos e outros) e da pesca (pescaderías, armadores, comercializadores e outros), así como a calquera persoa de Cedeira que teña en mente emprender e iniciar un novo negocio relacionado con algún destes sectores.

Abrirase a convocatoria para inscribirse ao foro este xoves día 29 de setembro, e poderase facer chamando ou enviando un whatsapp ao teléfono 664 53 82 15. PESCATURACCION é un proxecto subvencionado cunha axuda do GALP A MariñaOrtegal, Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.