Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

Antonia Rodríguez Díaz, elixida Muller da Vila 2019 pola Asociación de Amas de Casa de Cedeira

ANTONIA RODRÍGUEZ DÍAZ, ELIXIDA MULLER DA VILA 2019 POLA ASOCIACIÓN DE AMAS DE CASA DE CEDEIRA

Antonia Rodríguez Díaz vén de ser elixida Muller da Vila 2019, un recoñecemento público, por parte da Asociación de Amas de Casa de Cedeira, que a homenaxeada recibirá no transcurso da comida que a entidade promove para o domingo día 10 de marzo.

A presidenta da asociación, Ángeles Villar Fraquela, significou o traballo social e de acompañamento que Antonia Rodríguez Díaz levou a cabo entre os toxicómanos e as súas familias nos anos máis duros da droga na vila, un labor que tamén fixeron outras persoas pero na que “Antonia foi pioneira e se involucrou de maneira especial”, segundo Ángeles Villar. A homenaxeada recibirá unha figura da peixeira de Sargadelos, así como unha mantilla feita polas alumnas do obradoiro de encaixe.

A entrega do premio producirase durante a comida que, por segundo ano consecutivo, organizan as Amas de Casa con motivo do Día da Muller Traballadora (8M). A cafetería do auditorio municipal acollerá unha celebración que dará comezo ás 14.30 horas e na que, ademais de salpicón, empanada, xamón asado, ensaladas, sobremesas, bebidas e café, haberá sorteo de agasallos e a actuación do dúo feminino “Oasis”.

O Concello tamén participa nesta celebración coa conferencia que Carmen Avendaño Otero -coordinadora da Fundación Érguete-Integración- pronunciará ás 12.30 horas nas instalacións do auditorio. Carmen Avendaño fundou a Federación Provincial e a Federación Galega de Axuda aos Drogodependentes e destacou pola súa loita contra o narcotráfico, denunciando aos grandes traficantes e organizando plans de rehabilitación e reinserción. Recibiu moitos recoñecementos e distincións, entre os que destacan a Cruz de Prata da Orden Civil da Solidaridad Social (2010), o premio Galicia en Feminino da Xunta de Galicia (2002), o Nacional do PSOE Rosa Manzano e o de Xustiza e Sociedade(1993).

As persoas que poidan estar interesadas en asistir á comida xa poden apuntarse nos números de teléfono 636 787 265 e 649 703 998. A participación implica o pago dunha cota de 15 euros para as socias e de 20 para o público en xeral. Só se admitirá a presenza feminina. A primeira convocatoria reuniu a unhas 80 mulleres.

Convocadas as axudas da Deputación a entidades asociativas agrarias e labregas para investimentos

CONVOCADAS AS AXUDAS DA DEPUTACIÓN A ENTIDADES ASOCIATIVAS AGRARIAS E LABREGAS PARA INVESTIMENTOS

O pasado luns 25 de febreiro tivo lugar a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da resolución número 2019/5877 da Presidencia da Diputación da Coruña pola que aprobouse a convocatoria do programa de subvencións dirixido a entidades asociativas agrarias e labregas da provincia da Coruña para a realización de investimentos durante o ano 2019.

Nas seguintes ligazóns pode acceder á publicacións no BOP e na Base de Datos Nacional de subvencións da convocatoria das axudas:

IR Á LIGAZÓN Publicación no BOP do programa de subvencións a entidades asociativas agrarias e labregas da provincia da Coruña para a realización de investimentos durante o ano 2019

IR Á LIGAZÓN Publicación no Sistema Nacional de Publicidade de Subvencións do programa de subvencións a entidades asociativas agrarias e labregas da provincia da Coruña para a realización de investimentos durante o ano 2019

O pleno de Cedeira aproba unha moción en defensa da sanidade pública

O PLENO DE CEDEIRA APROBA UNHA MOCIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

O pleno de Cedeira aprobou na súa última sesión unha moción en defensa da sanidade pública. O asunto saíu adiante cos votos a favor do goberno municipal (PSOE, BNG e Anova), mentres que o PP votaba en contra por non recoñecer nin a existencia do conflito no sector da sanidade nin as demandas que se veñen esixindo por parte do Concello, da veciñanza e mesmo dos profesionais do centro de saúde de Cedeira, para garantir unha correcta atención primaria no centro asistencial da localidade, segundo declarou a primeira tenente de alcalde, María Xosé Rodríguez Pérez.

Coa aprobación da iniciativa, o Concello solicita á Xunta que rectifique a súa política con respecto a este dereito universal de maneira que incremente o orzamento destinado a sanidade, que convoque as prazas vacantes, que elimine as listas de espera e que elabore un plan de Mellora da Atención Primaria cunha dotación inicial de 200 millóns de euros.

Na lista de peticións tamén figura a necesidade de reverter as privatizacións e a xestión propia dos servizos sanitarios, a eliminación dos copagos farmacéuticos e a mellora con recursos e prestacións da asistencia sanitaria no ámbito local coa “contratación de substitutos facultativos de medicina xeral, de atención pediátrica e en xeral de todo o persoal preciso para manter o número de profesionais activos e garantir así o mellor servizo á cidadanía”.

Entre outros argumentos, o equipo de goberno expone que “a gravísima deterioración da sanidade pública é un dos temas que máis alarma social está a provocar na sociedade galega”, que “converter o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns” é o obxectivo da política sanitaria que Núñez Feijóo está a aplicar desde a Xunta”, ademais de cuantificar en 2.188 millóns de euros os recortes acumulados desde o 2009 e de destacar a unanimidade que existe entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias, organizacións profesionais e doentes en denunciar a grave deterioración que están a provocar as políticas sanitarias do PP. No caso de Cedeira, esta postura crítica tamén se está a traducir en concentracións semanais diante do centro de saúde, unha convocatoria que conta habitualmente coa presenza de membros do equipo de goberno.