Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PERSOAL E FACENDA

ABERTA A INSCRICIÓN NO PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO

Mulleres desempregadas dos municipios de Cedeira, Valdoviño, Narón, Fene, Neda, Cabanas, Mugardos e Ares poden inscribirse xa no Programa Integrado de Emprego de Galicia 2021/2022, organizado pola Mancomunidade de Concellos de Ferrol e financiado pola Xunta e o Servizo Público de Emprego.

Está dirixido a persoas con certificado de discapacidade, en risco de exclusión social, vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación e estar actualmente en situación de desemprego.

Fonte: La Voz de Galicia

ENLACE A NOTICIA Aberta a inscrición no programa integrado de emprego

O CONCELLO LICITA OBRAS DE CONSERVACIÓN DO FIRME NA AVENIDA DE ESPAÑA E CAMIÑO DE PITILLEIRA

O Concello de Cedeira acaba de sacar a concurso, a través da súa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público, a obra de “Conservación do firme na Avenida de España e o Camiño de Pitilleira”. A actuación ten un prezo de licitación de 51.649,94€ (IVE incluído) e é o terceiro e último proxecto incluído este ano no capítulo de investimentos do programa provincial POS+21, ao que tamén se acollen as obras de adecuación do anel da Praza Roxa e as reformas nos antigos escolares de Saa e Sisalde que están actualmente en execución.

A mellora do firme na Avenida de España abranguerá o tramo comprendido entre a rúa Cerdido e o Polideportivo Municipal, mentres que no Camiño de Pitilleira a intervención afectará, por unha parte, ao treito que vai desde a Avenida de España ata a de Castelao, e por outro, ao treito que perdorre desde a Avenida de España ata Floreal.

A actuación vai dirixida a renovar o pavimento, que se atopa deteriorado, colocando unha nova capa de aglomerado asfáltico de seis centímetros de grosor. Está prevista tamén a adecuación dun paso elevado para peóns na intersección entre a Avenida de España e Pitilleira.

As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o vindeiro día 10 de decembro. O prazo de execución será de dous meses.

OITO NEGOCIOS LOCAIS PARTICIPARÁN NAS XORNADAS GASTRONÓMICAS RECEITAS PESCA DE COSTA PARA POÑER EN VALOR OS PRODUTOS MARIÑOS DE CEDEIRA

O proxecto “Pesca de Costa”, actuación conxunta na que participan a Confraría de Pescadores de Cedeira e o Concello de Cedeira, ten como obxectivo visibilizar a calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo, implicando neste cometido o sector hostaleiro da propia vila.

Esta iniciativa pon en relación os dous sectores económicos máis relevantes de Cedeira, o pesqueiro e o hostaleiro, poñendo en marcha unhas xornadas gastronómicas que terán lugar do 9 ao 12 de outubro.

En oito locais hostaleiros poderanse degustar as receitas “Pesca de Costa” elaboradas con produtos capturados no día. Algunhas das suxerencias son: pescada de volanta cociñada de diferentes maneiras (con salmón, salsa de queixo e caviar de algas, en caldeirada e acompañada de xurelo e cabracho ou en salsa verde, por exemplo); ostras ao forno con lima; polbo en ensalada temperá con fresas, amorodos e lagostinos; luras da ría fritidas; ou un peixe sapo á cedeiresa.

Os negocios de hostalería local que participan nesta promoción son O Amanexo, A Xunqueira, Vila Vella, O Castro, Brisa, Taberna do Jojo, Badulaque e Kilowatio. Nos seus locais disporase un código QR a través do cal se poderá ver o vídeo da receita que cada establecemento promociona e propón probar aos seus comensais.

As oito receitas tamén estarán dispoñibles no Facebook e na canle de Youtube da Confraría de Pescadores de Cedeira.

O propósito destas xornadas é poñer en valor a calidade diferencial do produto da costa de Cedeira, o seu valor nutricional, a sustentabilidade da súa captura e a trazabilidade do produto dende que se pesca ou extrae ata que se pon no prato. Con todos eses atributos quérese promover o seu consumo tanto na poboación local como nos visitantes da vila.