Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

OITO NEGOCIOS LOCAIS PARTICIPARÁN NAS XORNADAS GASTRONÓMICAS RECEITAS PESCA DE COSTA PARA POÑER EN VALOR OS PRODUTOS MARIÑOS DE CEDEIRA

O proxecto “Pesca de Costa”, actuación conxunta na que participan a Confraría de Pescadores de Cedeira e o Concello de Cedeira, ten como obxectivo visibilizar a calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo, implicando neste cometido o sector hostaleiro da propia vila.

Esta iniciativa pon en relación os dous sectores económicos máis relevantes de Cedeira, o pesqueiro e o hostaleiro, poñendo en marcha unhas xornadas gastronómicas que terán lugar do 9 ao 12 de outubro.

En oito locais hostaleiros poderanse degustar as receitas “Pesca de Costa” elaboradas con produtos capturados no día. Algunhas das suxerencias son: pescada de volanta cociñada de diferentes maneiras (con salmón, salsa de queixo e caviar de algas, en caldeirada e acompañada de xurelo e cabracho ou en salsa verde, por exemplo); ostras ao forno con lima; polbo en ensalada temperá con fresas, amorodos e lagostinos; luras da ría fritidas; ou un peixe sapo á cedeiresa.

Os negocios de hostalería local que participan nesta promoción son O Amanexo, A Xunqueira, Vila Vella, O Castro, Brisa, Taberna do Jojo, Badulaque e Kilowatio. Nos seus locais disporase un código QR a través do cal se poderá ver o vídeo da receita que cada establecemento promociona e propón probar aos seus comensais.

As oito receitas tamén estarán dispoñibles no Facebook e na canle de Youtube da Confraría de Pescadores de Cedeira.

O propósito destas xornadas é poñer en valor a calidade diferencial do produto da costa de Cedeira, o seu valor nutricional, a sustentabilidade da súa captura e a trazabilidade do produto dende que se pesca ou extrae ata que se pon no prato. Con todos eses atributos quérese promover o seu consumo tanto na poboación local como nos visitantes da vila.