Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

BASES “TAPAS DE OUTONO 2023”

O Concello de Cedeira, pon en marcha oconcurso de Tapas de Outono 2023 como ven facendo dende o 2018, co fin dunha promoción dos produtos propios de tempada e sendo o concurso un incentivo para atraer ao conxunto da comarca á vila nestas datas.

Para a participación neste concurso deberán cumprirse os seguintes requisitos:

  • Presentar por local unha tapa realizada expresamente para o concurso
  • Servir a tapa os días 3,4 e 5 de Novembro(Venres á noite, Sábado e Domingo ao mediodía)
  • O prezo da tapa será de 2´5euros.
  • Introducir na tapa de forma obrigatoria 2 dos 4 ingredientes seguintes:cabaza, calabacín, castaña e setas.

O xurado do concurso estará formado polas persoas que proben as diferentes tapas.

Para poder participar como xurado, é preciso cubrir a tarxeta de votación que se poderá conseguir en calquera dos locais participantes durante os días do concurso. É obrigatorio probar 5 tapas distintas para poder emitir o voto. Cada local selará ou asinará a tarxeta de votación para validala.

Unha vez reunido un mínimo de 5 selos ou sinaturas poderase proceder á votación. Recoméndase probar todas as tapas e conseguir todos os selos, máis só será posible votar por 3 locais visitados. Outorgarase a cada local unha valoración de 1 ao 3, sen repetir valoración e sendo 3 a máxima puntuación. Só se admitirá unha tarxeta porpersoa e só se admitiránaquelas tarxetas que cumpran os requisitos anteriormente comentados.Unha vez cuberta a tarxeta, poderá depositarse en calquera das caixas de votación distribuídas nos locais participantes.

As persoas que participen cun voto válido serán incluídas no sorteo dunha cea para 2 persoas no local gañador do concurso.

O local gañador será o que maior número de votos reciba na suma total, en caso de empate, valorarase o que obteña maior número de 3 na votación.

Para apuntarse ao concurso comunicarse a través dos seguintes contactos, antes do 20 de Outubro:

Teléfono: 697479710 (telefónica ou a través de Whatsapp)

Correo electrónico: noel.lopez@cedeira.gal

A XUNTA DE GOBERNO APROBA A SUBVENCIÓN DA ESCOLA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA PARA OS PRÓXIMOS CATRO ANOS

A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión dunha subvención de 138.000€ para gastos de funcionamento da Escola de Música Vila de Cedeira durante os vindeiros catro anos. A asociación co mesmo nome foi a única entidade que se presentou ao procedemento aberto polo Concello de Cedeira, segundo o sistema de concorrencia competitiva, para garantir a continuidade dunha escola que fai honor á enorme afección musical que existe na localidade e que se converteu, de feito, na canteira da que se nutren moitos grupos cedeireses de diferentes estilos, así como no xérmolo de brillantes carreiras profesionais.

A partida de 138.000€ repártese en 11.500€ para o que resta deste exercicio 2023; 46.000€ para cada un dos seguintes anos 2024 e 2025 e 35.500€ para 2026, cando haberá que convocar un novo procedemento. Ao igual que sucedeu este ano co resto das axudas que o Concello reparte entre as asociacións e clubes do tecido asociativo local, tanto no eido da cultura como do deporte, o importe para o funcionamento das escolas de música incrementouse. Fíxoo nun 24% con respecto aos 111.000€ dos anteriores catro anos.

A subvención para a Escola de Música Vila de Cedeira serve para sufragar os gastos de persoal, así como o material didáctico e de oficina e outros vencellados ao funcionamento do centro. As clases, ás que asisten tanto nenos e nenas como moita xente maior da localidade, impártense polas tardes no Auditorio Municipal. O centro contou o pasado curso con 145 persoas matriculadas nas moitas opcións que abrangue a súa oferta formativa: coro, frauta travesa, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, tuba, bombardino, gaita, frauta de pico, acordeón, piano, guitarra clásica e eléctrica, percusión, música e movemento, linguaxe musical, harmonía, canto e improvisación.

Cómpre recordar que a Asociación Escola de Música Vila de Cedeira xurdiu a raíz dunha convocatoria do Concello, por iniciativa de persoas que formaban parte da Banda de Música, a agrupación Robaleira e a Asociación de Acordeóns. Do éxito daquela unión fala o incremento do número de matrículas e da oferta formativa curso tras curso.

O POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DE CEDEIRA ESTREA NOVO PAVIMENTO E MARCADOR CO COMEZO DO CURSO

Desde o pasado 2 de outubro o Polideportivo Municipal de Cedeira ten aberta de novo a súa pista multiusos. Co comezo do curso os clubes locais e as escolas municipais voltaron empregar a cancha de xogo da instalación, que foi renovada completamente durante este verán cun novo pavimento técnico de madeira, colocado sobre unha base de rastreis e gomas que garanten unha mellor absorción dos golpes e, polo tanto, menos lesións para as persoas que practican alí diferentes disciplinas deportivas.

Foi unha obra importante, na que se investiron máis de 151.000€ a través dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña. O organismo provincial financiou o 80% da actuación. Xunto co levantamento de toda a pista e a colocación do novo pavimento, tanto na cancha de xogo en si como nas zonas adxacentes, colocouse un novo marcador dixital que pode configurarse para os diferentes deportes.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira ten en proceso de contratación a obra de ampliación do Polideportivo Municipal para dotar de máis espazo ao ximnasio, situado nunha zona adxacente da pista principal. O orzamento de licitación é de preto de 62.000€ e a actuación incrementará un 46% a superficie do ximnasio, dos 83 metros cadrados actuais a 119.

Son dúas actuacións importantes na posta ao día do Polideportivo Municipal de Cedeira, cuxas instalacións teñen un uso intensivo ao longo de todo o ano e que ten xa máis de trinta anos de vida.