Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DE CEDEIRA ESTREA NOVO PAVIMENTO E MARCADOR CO COMEZO DO CURSO

Desde o pasado 2 de outubro o Polideportivo Municipal de Cedeira ten aberta de novo a súa pista multiusos. Co comezo do curso os clubes locais e as escolas municipais voltaron empregar a cancha de xogo da instalación, que foi renovada completamente durante este verán cun novo pavimento técnico de madeira, colocado sobre unha base de rastreis e gomas que garanten unha mellor absorción dos golpes e, polo tanto, menos lesións para as persoas que practican alí diferentes disciplinas deportivas.

Foi unha obra importante, na que se investiron máis de 151.000€ a través dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña. O organismo provincial financiou o 80% da actuación. Xunto co levantamento de toda a pista e a colocación do novo pavimento, tanto na cancha de xogo en si como nas zonas adxacentes, colocouse un novo marcador dixital que pode configurarse para os diferentes deportes.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira ten en proceso de contratación a obra de ampliación do Polideportivo Municipal para dotar de máis espazo ao ximnasio, situado nunha zona adxacente da pista principal. O orzamento de licitación é de preto de 62.000€ e a actuación incrementará un 46% a superficie do ximnasio, dos 83 metros cadrados actuais a 119.

Son dúas actuacións importantes na posta ao día do Polideportivo Municipal de Cedeira, cuxas instalacións teñen un uso intensivo ao longo de todo o ano e que ten xa máis de trinta anos de vida.