Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A XUNTA DE GOBERNO APROBA A SUBVENCIÓN DA ESCOLA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA PARA OS PRÓXIMOS CATRO ANOS

A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión dunha subvención de 138.000€ para gastos de funcionamento da Escola de Música Vila de Cedeira durante os vindeiros catro anos. A asociación co mesmo nome foi a única entidade que se presentou ao procedemento aberto polo Concello de Cedeira, segundo o sistema de concorrencia competitiva, para garantir a continuidade dunha escola que fai honor á enorme afección musical que existe na localidade e que se converteu, de feito, na canteira da que se nutren moitos grupos cedeireses de diferentes estilos, así como no xérmolo de brillantes carreiras profesionais.

A partida de 138.000€ repártese en 11.500€ para o que resta deste exercicio 2023; 46.000€ para cada un dos seguintes anos 2024 e 2025 e 35.500€ para 2026, cando haberá que convocar un novo procedemento. Ao igual que sucedeu este ano co resto das axudas que o Concello reparte entre as asociacións e clubes do tecido asociativo local, tanto no eido da cultura como do deporte, o importe para o funcionamento das escolas de música incrementouse. Fíxoo nun 24% con respecto aos 111.000€ dos anteriores catro anos.

A subvención para a Escola de Música Vila de Cedeira serve para sufragar os gastos de persoal, así como o material didáctico e de oficina e outros vencellados ao funcionamento do centro. As clases, ás que asisten tanto nenos e nenas como moita xente maior da localidade, impártense polas tardes no Auditorio Municipal. O centro contou o pasado curso con 145 persoas matriculadas nas moitas opcións que abrangue a súa oferta formativa: coro, frauta travesa, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, tuba, bombardino, gaita, frauta de pico, acordeón, piano, guitarra clásica e eléctrica, percusión, música e movemento, linguaxe musical, harmonía, canto e improvisación.

Cómpre recordar que a Asociación Escola de Música Vila de Cedeira xurdiu a raíz dunha convocatoria do Concello, por iniciativa de persoas que formaban parte da Banda de Música, a agrupación Robaleira e a Asociación de Acordeóns. Do éxito daquela unión fala o incremento do número de matrículas e da oferta formativa curso tras curso.