Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

Cedeira comeza a transformar os espazos públicos en escaparates do “street art”

CEDEIRA COMEZA A TRANSFORMAR OS ESPAZOS PÚBLICOS EN ESCAPARATES DO “STREET ART”

O Concello de Cedeira quere transformar os espazos públicos en arte urbano, unha idea que xa é unha realidade no caso da estación de bombeo situada nas inmediacións do parque do Romeiro. Desde hai uns días a devandita construción xa loce un aspecto totalmente renovado grazas a Adrián Taracido Fernández, o artista que recreou nas seis fachadas da estación as paisaxes e as construcións máis representativas do termo cedeirense.

A garita de Herbeira, o castelo da Concepción, a praza de acceso ao Concello, o monumento dedicado á peixeira, a capela de San Antón e o porto son algúns dos lugares que os veciños e visitantes xa poden recoñecer nas paredes exteriores do edificio.

O importe desta primeira intervención ascendeu a 5.687 euros (IVE incluído) e a intención do equipo de goberno é “loitar contra o feísmo nos espazos públicos e crear distintos museos de balde sen paredes nin teitos”.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a grande aceptación da veciñanza con respecto a esta primeira intervención no parque do Romeiro e apuntou que “queremos facer do pobo un escaparate do street art, ademais de que sexa un recurso turístico atractivo que permita coñecer a nosa vila dende outro punto de vista, dende outro lugar máis amable para o ollo do que mira e ve arte onde antes vía feísmo e ve un espazo de relación social mais habitable”.

Adrián Taracido Fernández está vinculado á empresa que creou para a Asociación “Rampla” uns libriños infantís para colorear, baseado no patrimonio de Cedeira, unha idea que contou tanto coa aprobación da entidade como do público ao que ía dirixida.

Campaña de inverno 2019 da Deputación da Coruña

CAMPAÑA DE INVERNO 2019 DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O concello de Cedeira conta con catro prazas para a campaña de inverno 2019 da Deputación da Coruña, con aloxamentos ubicados na estación invernal de Cabeza de Manzaneda na 3ª quenda do 08/02/2019 ó 11/02/2019.

As idades dos rapaces/zas participantes serán de 11 a 15 anos inclusive (cumpridos a 31 de decembro de 2019).

Cota de participación: 85 €.

O transporte desde a comarca, tanto de ida como de volta está incluído na oferta. Os puntos da comarca onde terá lugar a recollida notificarase con abonda anticipación.

Terán preferencia os/as rapaces/zas que non foran a ningunha campaña da neve da deputación. No suposto de ter máis solicitudes que número de prazas concedidas pola Deputación, realizarase un sorteo público ante a Secretaria do concello para adxudicar as mesmas o día 11 de xaneiro ás 11:00 h. no salón de plenos do concello.

A preinscrición pode facerse de maneira presencial no rexistro (oficinas xerais), a través da sede electrónica do concello cubrindo unha instancia xeral e indicando os seguintes datos:

– Nome da persoa responsable do/a menor (nai, pai, titor/a)

– Enderezo

– DNI

– Teléfono

– Enderezo para efectos de notificación

– Correo electrónico (non imprescindible)

– Nome do/a menor representado/a

A cabalgata de Cedeira comezará ás 18.00 horas no colexio e rematará con inchables e chocolate quente

A CABALGATA DE CEDEIRA COMEZARÁ ÁS 18.00 HORAS NO COLEXIO E REMATARÁ CON INCHABLES E CHOCOLATE QUENTE

O Concello de Cedeira conta coa colaboración das asociacións Amas de Casa, Aturuxeiras, Asociación Cultural Buxainas, ANPA Picapeixe e da agrupación de voluntarios de Protección Civil para a celebración da Cabalgata de Reis que terá lugar na tarde-noite do próximo sábado, día 5 de xaneiro.

Tres son os escenarios nos que os nenos e nenas da vila terán a posibilidade de ver de cerca ás Maxestades de Oriente, que chegarán á localidade ás 18.00 horas. Durante a súa estancia en Cedeira os Reis pasarán polo camiño real da Madalena, pola rúa San Sadurniño e pola avenida Castelao. O percorrido rexio rematará no Palacete municipal, coa tradicional recepción dos Reis aos menores.

A partir das 19.30 horas, a festa trasladarase ao pavillón do CEIP Nicolás do Río, no que haberá desde inchables para xogar os pequenos ata unha merenda a base de chocolate quente e roscón para entreter a doce espera.