Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS SOCIAIS PON DE NOVO EN MARCHA AS ACTIVIDADES GRATUÍTAS DE INFORMÁTICA E ZUMBA

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Cedeira inaugura o vindeiro día 7 as clases de Informática e Zumba Gold, ambas as dúas no marco do programa de actividades gratuítas que este departamento municipal dirixe ás persoas maiores para favorecer a socialización e mellorar a súa saúde física e mental. A concelleira responsable da área, Malena Pérez, subliña que son todas propostas que teñen unha grande acollida e destaca o feito de que se desenvolven na zona urbana e tamén nas diferentes parroquias, co devezo de achegarse a todas as persoas que son potenciais usuarias.

Así, as clases de Informática desenvolveranse en Cedeira en dúas quendas. Os luns e os venres haberá un grupo de mañá, de 11.00 a 13.00 horas, e os venres un de tarde, de 17.30 a 19.30 horas. En Esteiro e en San Román as clases serán os mércores, de 16.00 a 18.00 e de 19.00 a 21.00 horas, respectivamente. En Santalla a actividade programouse para os sábados, de 18.30 a 20.30, e en Montoxo será os domingos, de 16.30 a 18.30 horas.

En canto á actividade de Zumba Gold, a cita será no patio do CEIP Nicolás do Río cada luns e mércores ás 19.30, e os venres ás 19.00 horas.

Tamén chegan á zona rural as actividades de Ximnasia Terapéutica e o Taller de Memoria, que comezaron o pasado día 17 en Cedeira. No primeiro caso, as clases que imparte a fisioterapeuta Marta González celébranse os martes en Esteiro, ás 09.45h; e os xoves en Montoxo (09.30h), San Román (10.45h) e Santalla (12.00h). O Taller de Memoria, que ten lugar en Cedeira os luns e venres ás 16.00 e 17.30 horas, desenvólvese en Santalla (martes e xoves, 18.30h); Saa (mércores e xoves, 16.00h); Sisalde (martes ás 16.00 e mércores ás 17.15h); Montoxo (martes e xoves, 17.15h) e San Román (luns e venres, ás 19.00h).

Por outra banda, o 20 de xaneiro retomaranse os talleres de “Música sen enrugas”, de musicoterapia para maiores, que xa se estiveron impartindo en novembro e decembro. A cafetería do Auditorio acolle estas sesións, en dous grupos, os xoves ás 16.30 e ás 18.00 horas. A psicóloga Sara Abuín imparte tanto esta actividade como a que leva por título “Inspira”, que abrangue musicoterapia, mindfulness e xestión emocional, e que se vai desenvolver os mércores ás 18.30h.

As persoas interesadas poden inscribirse nestas actividades acudindo a Servizos Sociais –de 10.00 a 13.00 horas-. A concelleira Malena Pérez recorda que tamén hai prazas dispoñibles nos talleres de estimulación cognitiva que o Concello de Cedeira desenvolve a través dun acordo coa asociación AFAL e que se realizan todos os días, de cinco a sete da tarde, no segundo andar do Auditorio Municipal.