OS SANANDRESIÑOS DE TEIXIDO SE FAN ESTES DÍAS EN VIVO E EN DIRECTO NA FEIRA FITUR
O artesán cedeirés Jorge Bellón leva estes días a Fitur a tradición dos sanandresiños. As coloridas figuriñas feitas con miga de pan de Santo André de Teixido ocupan, da súa man, un espazo no stand de Turgalicia na feira internacional de turismo que estes días se desenvolve no recinto de Ifema, en Madrid. Dous deses sanandresiños foron entregados onte como agasallo aos Reis de España, Don Felipe e Dona Letizia, no seu percorrido inaugural.
Foi a Xunta, a través de Turgalicia, quen quixo contar este ano por primeira vez coa artesanía de Santo André de Teixido no marco de Fitur. Desde o Concello, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil celebrou este feito e agradeceu o interese que pon a directora xeral de Turismo, Nava Castro, na promoción do camiño a Teixido. O alcalde, que estes días está en Fitur para promocionar todos os atractivos da vila e para participar na presentación do proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal –que terá lugar mañá venres- foi testemuña do moito que están a chamar a atención do público os amuletos típicos desta terra mística, ateigada de lendas, na que están os acantilados máis altos de Europa.
Jorge Bellón está a facer en vivo e en directo, no stand de Fitur, os sanandresiños. “Están a ter unha grande acollida, chaman moito a atención do público”, explicou o artesán, que onte entregou para agasallar aos Reis unha flor, símbolo do amor, e o peixe, o elemento máis característico, representativo do propio camiño ao santuario de Santo André. Segundo dixo, nos vindeiros días vai impartir uns obradoiros para grupos de entre oito e dez persoas que poderán facer tamén, coa súa axuda, as súas propias figuriñas.