Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O PROXECTO DE XEOPARQUE CABO ORTEGAL PRESENTOUSE EN FITUR CO VÍDEO UNHA VIAXE AO INTERIOR DA TERRA

O proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal foi presentado onte en Fitur nun acto no que se salientaron como principais valores da iniciativa a preservación dos valores naturais e paisaxísticos e o desenvolvemento económico sostible. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira de Turismo, Carmela Prieto, participaron xunto aos representantes dos outros seis municipios implicados no proxecto, neste evento que foi conducido pola ferrolá Paula Vázquez e que contou tamén coa intervención do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O evento acolleu a presentación do vídeo promocional do proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal –que pode verse no link https://youtu.be/s_PQZEcXdyY, no que baixo o título Unha viaxe ao interior da terra se percorren oa espazos paisaxísticos e xeolóxicos máis destacados dos sete concellos. Proxectáronse tamén outros catro vídeos cos testemuños de persoas que viven e traballan no territorio, entre eles o de Isabel Loureiro, gandeira de Cedeira.

Xosé Regueira destacou que a zona é “un territorio único no mundo” e puxo como exemplos, precisamente, a praia cedeiresa de Teixedelo, con area negra non volcánica, e Santo André de Teixido, mentres que o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso, actual presidente da Asociación Xeoparque Cabo Ortegal, salientou que a selección da candidatura, que chegou o pasado novembro, está a dar xa “unha proxección internacional moi potente”.

Moreda Gil destacou a importancia de participar en Fitur para a promoción turística e tamén desde o punto de vista técnico para o impulso do proxecto, xa que na feira participaron o Foro dos Xeoparques Españois e a Rede Mundial de Xeoparques da Unesco e este feito favoreceu reunións e consultas cada a preparación da documentación que é preciso rexistrar nesta fase de defensa da iniciativa, unha vez que xa é unha das candidaturas españolas ante o organismo internacional para acadar o recoñecemento.