O Concello traballa nun plan de acción para fortalecer aos negocios locais fronte ás grandes superficies e novas formas de mercado
O Concello de Cedeira está a traballar na elaboración dun plan para dinamizar e mellorar da competitividade do comercio e da hostalería locais, uns sectores que sufriron un duro impacto pola pandemia da Covid-19.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, que esta semana xa tivo a oportunidade de comprobar o interese que a iniciativa está a despertar nunha reunión informal con profesionais do comercio e da hostalería da localidade, destacou que “se trata dun proxecto para buscar solucións que acheguen os pequenos e medianos establecementos ás novas formas de consumo que require a sociedade actual”. O proxecto presentarase publicamente cando o estado de alarma así o aconselle.
A venda en liña e o repartimento a domicilio son algúns dos obstáculos aos que se enfrontan os pequenos negocios á hora de competir coas grandes superficies ou mesmo coas novas formas de mercado, segundo apuntou o rexedor municipal, que considera necesario fortalecer “dous sectores que son claves dentro da economía local”.
O plan terá como punto de partida a análise da situación actual e desenvolverase en dúas fases. A primeira, que xa está en marcha e se prolongará ata final de ano, vai dirixida a facer o diagnóstico e trazar a estratexia, na que terían cabida unha eventual plataforma de venda común e a prestación de servizos en conxunto para unha determinada actividade. Enquisas aos profesionais, entrevistas a axentes chave, dúas mesas de traballo e un análise benchmarking para coñecer proxectos de éxito noutros territorios forman parte da metodoloxía que servirá para ter unha “fotografía” dos negocios aos que vai dirixida esta iniciativa pioneira en Cedeira.
A información recompilada dará lugar, na fase dúas, á elaboración do chamado plan de acción. Nel incluiranse desde accións xerais para a mellora da competitividade sectorial ata recomendacións específicas para sectores concretos, como pode ser o da alimentación. A formación e capacitación, a mellora da calidade e sustentabilidade comercial, a innovación e implantación de novas tecnoloxías no pequeno comercio e locais de hostalería, a detección de oportunidades de negocio e a promoción e dinamización comercial son, a priori, os ámbitos para os que se artellarán as medidas que contribuirán a dinamizar e a garantir un mellor futuro para o comercio de proximidade.