Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO REPARTE 36.000€ EN AXUDAS ENTRE UNHA DUCIA DE ASOCIACIÓNS LOCAIS NO EIDO SOCIOCULTURAL

A Xunta de Goberno de Cedeira vén de aprobar a concesión das axudas para asociacións socioculturais do municipio, por un valor total de 36.000€. Como en anos anteriores, a convocatoria resolveuse polo sistema de concorrencia competitiva, segundo criterios obxectivos, e os fondos repártense entre o capítulo de actividades, dotado con 30.000€, e o de investimentos, cos 6.000€ restantes. Unha ducia de entidades obteñen subvención este ano e nove delas fano nas dúas categorías.

Segundo comentou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, este ano o número de entidades que concurriron á convocatoria foi maior que o pasado, o que confirma a definitiva recuperación e volta á normalidade do tecido asociativo da localidade. O rexedor celebrou a vitalidade que teñen as asociacións locais e a súa variedade, que se pode comprobar na mesma resolución.

Así, as axudas para realización de actividades repartíronse entre as asociacións Acordeóns de Cedeira (3.056,31€), a Sociedade Artística Eixil (2.961,54€), as asociacións veciñais de San Román (2.748,31€), Cervo Tarroiba (2.250,77€) e San Xulián de Montoxo (1.563,23€), a asociación Patchwork (2.606,15€), a Asociación Mulleres da Vila de Cedeira (2.985,23€), Buxainas (2.914,51€), Aturuxeiras (2.394€), a Rondalla de Cedeira (2.795,69€), a asociación Discalzos polo Festival (2.724,62€) e a Asociación de Maiores (1.000€).

As axudas para investimentos, dotadas cun total de 6.000€, foron para a Asociación de Acordeóns (743,52€), Eixil (720,46€), as asociacións veciñais de San Román (668,59€), Cervo Tarroiba (547,55€ ) e San Xulián de Montoxo (587,90€), Mulleres da Vila (726,22€), Buxainas (708,93€), Aturuxeiras (634,01€) e Discalzos (662,82€).