Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INVISTE 7.000€ NA MELLORA DO MOBILIARIO DA BIBLIOTECA MUNICIPAL LÓPEZ CORTÓN

O Concello de Cedeira vén de mellorar o equipamento da biblioteca municipal López Cortón. Concretamente, investíronse 7.011€ na compra de diferente mobiliario para a sala de lectura e o espazo infantil. Desde o goberno local recórdase que no anterior mandato se levara a cabo unha importante actuación para a ampliación e modernización da biblioteca e que no pasado ano 2020 se acometera o cambio do solo de madeira e o mobiliario da sala de lectura na parte máis antiga. O alcalde, Pablo Diego Moreda, explicou que “esta nova actuación resposta á vontade de ir mellorando o servizo, moi demandado e moi utilizado pola veciñanza”.

Concretamente, subministrouse unha estantería de melamina, butacas, mesas, cadeiras de diferentes alturas, puffs e un mostrador. Estes elementos están repartidos xa entre a sala infantil e a de lectura, coa finalidade de facer máis confortables estes espazos para as persoas usuarias.

Cómpre recordar que o investimento nas obras de ampliación superou os 200.000€. Aquela actuación consistiu a adecuación dun edificio anexo para sumalo á biblioteca, así como na mellora da accesibilidade coa instalación dun ascensor, da iluminación, o illamento acústico e outros equipamentos. Foi un proxecto ambicioso que culminou coa pintura dun mural adicado a Rosalía de Castro nun lateral do edificio, unha obra que se ten convertido xa nunha icona do casco antigo cedeirés.

Máis recentemente, no 2020, o Concello destinou uns 8.000€ ao cambio das madeiras do chan e o mobiliario da sala máis antiga da biblioteca. Ademais, este ano con motivo do 8M foi inaugurado un Punto Lila no que se concentran as lecturas relacionadas co feminismo, tanto para o público adulto como infantil.