Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO RENOVA O PECHE PERIMETRAL DO PARQUE INFANTIL DA PRAZA DO FLOREAL

O goberno municipal de Cedeira realizou recentemente a obra de substitución do peche perimetral do parque infantil de xogos da praza do Floreal. O anterior, de madeira, estaba bastante deteriorado, con listóns que faltaban e outros afectados pola humidade ou rotos. O Concello instalou unha nova balaustrada de baixa altura como a que existía, pero desta volta metálica e máis duradeira, cumprindo con todas as medidas de seguridade que esixe un espazo destinado ás crianzas.

A obra foi contratada á empresa OMIP por un presuposto de 10.230€ (IVE incluído), por presentar a oferta máis vantaxosa entre as ofertas solicitadas. Cómpre recordar que o Concello de Cedeira ten en proxecto a cubrición do parque infantil do Floreal cunha estrutura que permita ás familias aproveitar este espazo público tamén en días de choiva, unha actuación valorada en máis de 70.000€ e que se prevé financiar con cargo ao Plan Complementario da Deputación da Coruña.

Por outra banda, e tamén na liña de poder darlle máis uso, os orzamentos participativos deste ano irán destinados a dotar de máis iluminación e pintura antideslizante á cancha de xogo que está tamén na praza de Floreal. Foi a decisión adoptada polo alumnado de 3º da ESO do IES Punta Candieira, que debatiu e votou diferentes propostas para decidir o destino de 20.000€ do presuposto municipal.