Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA DOTARASE DUN INVENTARIO ACTUALIZADO DOS CAMIÑOS DE TITULARIDADE MUNICIPAL

O Concello de Cedeira contará cun inventario de camiños municipais actualizado, unha ferramenta esencial para que os técnicos municipais poidan determinar con rigor a propiedade pública ou privada de cada vieiro e clarexar as consultas que a miudo presentan os veciños e veciñas. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que é unha obriga das administracións locais contar con este documento, segundo establece a lexislación, e apuntou que será unha referencia esencial para actuar con precisión na xestión e conservación da rede viaria municipal. “Contar con este catálogo é moi importante e vai ser de grande utilidade tanto para a propia administración como para a cidadanía”, subliñou.

O traballo de elaboración do inventario, que ten un prazo de execución dun ano, foi encargado á empresa Procat Ingeniería y Medioambiente por un presuposto de 17.908€ (IVE incluído). Para realizar o catálogo analizaranse todos os datos que obran en mans do Concello, así como as referencias catastrais, escrituras, acordos de cesión e urbanísticos, información rexistral, concentracións parcelarias, etc. Recompilarase toda esa información en planos, que serán contrastados coas imaxes aéreas do territorio. Trazaranse as estradas non municipais, así como as da rede principal e secundaria, e de todos os camiños susceptibles de ser de titularidade pública.

Unha vez que Procat conte cunha primeira versión da planimetría do municipio, realizaranse reunións cos técnicos municipais para detectar incidencias e facer, no seu caso, visitas sobre o terreo para tratar de determinar a titularidade dos vieiros.

O catálogo abranguerá todos os camiños en formato vectorial SIG e a montaxe de planos para a súa revisión en papel ou a través do ordenador por parte do persoal técnico municipal. Unha vez rematado o traballo, o catálogo entregarase ao Concello nos diferentes formatos, con fichas individuais de cada ben e listados dos camiños e fincas catalogadas.

Esta é unha das 80 actuacións que aborda o Concello de Cedeira con cargo aos remanentes procedentes do exercicio de 2021 que se incorporaron ao presuposto deste ano. “A miudo xurden dúbidas, por parte da propia veciñanza, sobre de quen é un camiño e que dereitos pesan sobre o mesmo –explicou o alcalde-; este traballo vai permitir aos técnicos municipais respostar a estas consultas e vai redundar nunha mellor xestión municipal en xeral, porque é esencial coñecer qué carreiros son municipais para asumir o seu coidado e protección”, explicou o alcalde