Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INVESTIU MÁIS DE 25.500€ NUN NOVO XOGO INFANTIL PARA O PATIO DE AREA DO CEIP NICOLÁS DO RÍO

O Concello de Cedeira investiu recentemente 25.514,67€ na compra dun xogo infantil para o patio de area do CEIP Nicolás do Río. A empresa Kaizen Management resultou adxudicataria da contratación, na que se requería un xogo composto por catro torres con rede, pasarelas e pasos, acaído para o seu uso por parte dos nenos e nenas do centro educativo.

Segundo informou o goberno local, o equipamento está xa instalado e en uso no colexio. Foi esta unha das intervencións que o Concello financiou con cargo aos remanentes incorporados ao presuposto deste ano. Xunto con este proxecto, está previsto acometer outro para a mellora das instalacións do CEIP Nicolás do Río: a obra de pavimentación con formigón do patio do Areal, que conta cun orzamento de 29.942,17€.

Ao fío destas intervencións, que se suman a outras xa asumidas polo Concello, o alcalde recordou a demanda unánime da comunidade educativa e o pleno da corporación para que a Xunta afronte a cubrición do patio de quinto e sexto de Primaria. Foi unha reclamación que xa foi levada ao Parlamento de Galicia e Moreda Gil apuntou tamén que está á espera de que o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, lle reciba para tratar este asunto.

O alcalde salientou que esta é unha demanda que hai que situar no contexto de estreita colaboración que mantén o Concello coa comunidade educativa do colexio, na que a administración municipal ten asumido sucesivas intervencións de mellora das instalacións. Así, o pasdo verán o Concello asumiu o 50% da renovación do pavimento de caucho da zona de xogos de Infantil (uns 10.000 dos 20.000€ que supuxo), e con anterioridade contratou a obra de instalación dun teito de abrigo no corredor de acceso ao centro, instalara outros xogos no parque de Infantil, transformara un vello patio nun horto urbano e mellorou a iluminación do polideportivo do colexio, entre outras actuacións.

“Somos un Concello que non se limita a pedir á Consellería de Educación que asuma as demandas da comunidade educativa, senón que tamén colaboramos e investimos para mellorar a calidade das instalacións e facelas máis confortables para o alumnado”, explicou Moreda. O alcalde urxíu a Educación para que afronte a obra de cubrición do patio de quinto e sexto de Primaria, para garantir que xa o curso próximo estes rapaces e rapazas poidan gozar do recreo e a saída ao exterior das aulas independentemente da climatoloxía.