Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A XUNTA DE GOBERNO APROBA AS NOVAS CONVOCATORIAS DE AXUDAS PARA ENTIDADES SOCIOCULTURAIS E DEPORTIVAS

A Xunta de Goberno Local de Cedeira aprobou as bases reguladoras para facer as novas convocatorias de subvencións para entidades e asociacións socioculturais, por unha banda, e deportivas por outra. Como en anos anteriores establécense en cada unha delas os apartados de actividades e investimentos e están dotadas con 36.000 euros respectivamente. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, resaltou unha vez máis a importancia que ten para Cedeira a dinámica de participación e convivencia que impulsan as asociacións, axentes activos da integración, a igualdade, a cultura… e intermediarios indispensables entre o goberno municipal e a cidadanía. Destacou tamén a importancia do deporte na localidade, non so polos éxitos e medallas que chegan das competicións, senón porque é unha escola de hábitos saudables e dun ocio san para a infancia e a mocidade.

Un extracto de cada unha das convocatorias sairá publicada proximamente no BOP, momento no que se abrirá un prazo de 15 días hábiles para a presentación de solicitudes. Ambas as dúas resolveranse polo procedemento de concorrencia competitiva, baremando os criterios establecidos. Tamén nos dous casos, o apartado de actividades está dotado con 30.000€ -cun máximo de 7.000€ de subvención por entidade- e o de investimentos con 6.000€.

No caso das asociación socioculturais, os gastos subvencionables no apartado de actividades son a compra de trofeos, material non inventariable e funxible, desprazamentos para participar en eventos, alugamento de locais e materiais, pago a persoal, facturas de mantemento como o teléfono, a luz, etc., seguros, cartelería e outros traballlos de divulgación das actividades. O apartado de investimentos, vai dirixido a subvencionar a compra de material inventariable relacionado coa actividade da asociación por importe igual ou superior a 100€.

Os criterios para a concesión destas subvencións son o fomento da participación feminina, o número de socios, a antigüidade, o feito de contar con local propio ou en aluguer, a realización de propostas para a zona rural, a menor cota mensual, o número de actividades, a contratación de persoal, a colaboración con outras entidades, os desprazamentos e o uso do galego.

No caso das bases para entidades e clubes deportivos, as axudas van para sufragar os gastos de compra de trofeos, material non inventariable, gastos de desprazamento e aloxamento para ir a competicións, aluguer de pistas deportivas, gastos federativos, de arbitraxes, nóminas do persoal técnico, carteis e outros materiais de difusión de eventos deportivos, seguros e outros gastos de mantemento como a luz, a auga, etc. serán para a compra de material inventariable, relacionado coa actividade deportiva do club, por importe igual ou superior a 100€.

O baremo neste caso avaliará o número de nenos e nenas que toman parte nas escolas de deporte base, a participación feminina, a organización de competicións, a antigüidade do club, o número de deportistas federados, o número de técnicos, o menor importe da cuota mensual e o uso da lingua galega, entre outras cousas. Este ano, por primeira vez, tamén puntúa o emprego da imaxe do Concello e do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal na vestimenta, indicando as bases que para o ano que vén será obrigatoria esta condición para aquelas entidades que renoven este equipamento.